A SECRETARIA XERAL PARA O TURISMO AFIRMA QUE O II CONGRESO MUNDIAL DE PASTORAL DE PEREGRINACIÓNS E SANTUARIOS “DEIXARÁ UNHA PEGADA INDELEBLE NA NOSA HISTORIA XACOBEA”
La secretaria general de Turismo afirma que el segundo congreso mundial de pastoral de peregrinaciones y santuarios dejará «una huella indeleble en nuestra historia jacobea». El congreso tiene lugar entre los días 27 y 30 de septiembre de 2010.
- Mª Carmen Pardo López destacou a relevancia de que Santiago de Compostela acolla este congreso entre os vindeiros 27 e 30 de setembro. Será a segunda edición deste congreso, tras o celebrado en Roma hai 18 anos.
- A presenza de arredor de 300 congresistas chegados de máis de 70 países diferentes supón un garante para a difusión do Ano Santo compostelán, segundo dixo a secretaria xeral, que incidiu tamén no papel fundamental do turismo de reunións.
- O Camiño é o principal produto turístico galego, polo que apostar por el “é investir nun legado de valor incalculable”, afirmou. Neste sentido, Carmen Pardo lembrou os plans correctores, de restauración e rehabilitación postos en marcha, así como o labor de promoción das diferentes rutas xacobeas realizado dentro e fóra de Galicia.
Santiago, 23 de setembro de 2010.- A secretaria xeral para o Turismo, Mª Carmen Pardo López, presentou hoxe en Santiago o II Congreso Mundial de Pastoral de Peregrinacións e Santuarios, promovido polo Pontificio Consello para a Pastoral dos Emigrantes e Itinerantes e o Arcebispado de Santiago, un congreso que se celebrará no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago do 27 ao 30 de setembro e do que dixo “deixará unha pegada indeleble na nosa historia xacobea”.
A secretaria xeral, que estivo acompañada polo arcebispo de Santiago, Xulián Barrio, o subsecretario do Pontificio Consello de Pastoral dos Emigrantes e Itinerantes, Gabriele F. Bentoglio, e o alcalde de Santiago, X.A. Sánchez Bugallo, afirmou que “coñecer Santiago de Compostela e formar parte deste Ano Santo supón facelo pola porta de entrada espiritual de e a Galicia”. Pardo López asegurou tamén que a celebración da segunda edición deste congreso mundial que acolle a capital de Galicia, tras 18 anos da primeira edición celebrada en Roma, “unha cidade á que tamén estamos unidos por amor e historia”, “servirá de guía para as futuras xeracións”.
Segundo a secretaria xeral, a presenza de arredor de 300 congresistas chegados de máis de 70 países de todo o mundo “supón un garante para a difusión do Ano Santo, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras”. Nese sentido, aludiu á importancia do turismo de congresos para unha cidade como Santiago, que propicia “a posta en común de experiencias entre persoas e culturas diferentes”. Segundo Pardo López, este encontro será, a escasos meses do remate do ano, un dos máis destacados, por todo o que significa: “o Camiño, coas suas diferentes etapas, como paradigma de fe e de solidariedade, e polo escenario onde se celebra”, aseverou, “o mesmo que dentro dunhas semanas acollerá por primeira vez a visita do Papa Benedicto XVI”.
Mª Carmen Pardo recordou que o Camiño de Santiago, catalogado pola Unesco como Ben Patrimonio da Humanidade, é o principal produto turístico galego, polo que “apostar por el e nel é investir en promoción das súas características, pero tamén dos seus valores, do seu potencial, da súa conservación”. Asi, a responsable de Turismo mencionou como algúns dos exemplos máis destacados do apoio da Xunta de Galicia o Plan Corrector dos Camiños de Santiago, o Plan de Restauración e Posta en Valor destes, a primeira área de rehabilitación do Camiño creada na comunidade, así como a promoción “nos máis variados escenarios e aos máis variados públicos”.
Por último, a secretaria xeral aludiu ao repunte do número de compostelas, que xa supera as 206.000, como unha mostra do auxe do fenómeno xacobeo. “Os peregrinos son tamén o limiar de entrada a Galicia, unha comunidade que é punto final de Camiño pero que nos queremos transmitir como principio de tantas vivencias”, engadindo que se converten nos mellores embaixadores “capaces de que academos a meta que nos proxemos ao incio de acadar os 8 millóns de viaxeiros a Galicia”.
