Reunión del comité de seguimiento del convenio entre el MARM y Medio Rural sobre las actuaciones relativas a la Rede Natura 2000. El encuentro se centró en la reducción de las inversiones medioambientales del Ministerio en Galicia.
REUNION DO COMITÉ DE SEGUIMENTO DO CONVENIO ENTRE O MARM E MEDIO RURAL SOBRE ACTUACIÓNS EN MATERIA DE REDE NATURA 2000
- As cuestións principais que se trataron nesta reunión teñen que ver coa redución de investimentos por parte do MARM en Galicia
- Analizáronse tamén os distintos proxectos que configuran o convenio e que se corresponden principalmente coa creación de infraestruturas e equipamentos en Espazos Naturais Protexidos
Santiago, 20 de setembro de 2010.- O director xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, Ricardo García-Borregón, reuniuse co Comité de Seguimento do convenio entre o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño e a Xunta de Galicia sobre actuacións da Dirección Xeral de Medio Natural e Política Forestal en materia de Rede Natura 2000.
Na xuntanza, que tivo lugar nas dependencias de San Lázaro, tamén estivo presente o director xeral de Medio Natural e Política Forestal do Ministerio, José Jimenez, acompañado polos técnicos dos seu respectivos departamentos.
Redución de investimentos
As cuestións principais que se trataron nesta reunión teñen que ver coa redución de investimentos por parte do MARM en Galicia como consecuencia do axuste de orzamentos pola crise. O convenio, que foi firmado no ano 2009, prevía inicialmente un investimento por parte da Administración do Estado de case 21 millóns de euros entre os anos 2010 e 2013.
O novo cadro financeiro prolonga o período ata o 2014 ao tempo que reduce os investimentos nos primeiros anos. Así, os investimentos para o que queda do ano 2010 e 2011 vense reducidos nun 66% e os do ano 2012 nun 55%.
Proxectos
Analizáronse tamén os distintos proxectos que configuran o convenio e que se corresponden principalmente coa creación de infraestruturas e equipamentos en Espazos Naturais Protexidos (ENP), equipamentos de uso público na Rede Natura 2000, conservación de corredores ecolóxicos; así como, as actuacións de recuperación de especies ameazadas.