SANIDADE INVITA AOS INTEGRANTES DO CONSELLO INTERTERRITORIAL DO SISTEMA NACIONAL DE SAÚDE A UNHA REUNIÓN INFORMAL EN SANTIAGO DE COMPOSTELA
- O encontro terá lugar os días 12 e 13 de novembro dentro deste Ano Xacobeo
Santiago, 18 de setembro de 2010.- A Consellería de Sanidade convidou aos membros do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde a unha xuntanza informal que terá lugar os días 12 e 13 de novembro na cidade de Santiago de Compostela.
Coincidindo coa celebración do Ano Xacobeo 2010, Galicia promove esta iniciativa que pretende ser un punto de reflexión en materia sanitaria e unha ocasión máis para mostrar a potencialidade da nosa Comunidade Autónoma como destino cultural e de ocio.
A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, expresara formalmente o seu interese ante o Pleno deste organismo da celebración dunha reunión en Galicia este ano, xa que a Comunidade conta cunha entidade científico-sanitaria de relevancia, capacidade organizativa e elementos de atracción suficientes para facelo.
Galicia está a promover este encontro informal para abordar o contexto actual, aproveitando ademais a potencialidade dun evento de profundas raíces históricas e culturais, e de grande importancia para Galicia, que non se repetirá ata dentro de once anos, como é o Xacobeo.
O evento ao que están convidados os conselleiros de saúde das 17 comunidades autónomas e mailo Ministerio de Sanidade e Política Social, está previsto que se inicie na tarde do venres 12 e se prolongue durante o sábado 13 de novembro.