O BORRADOR DA ESTRATEXIA “XUVENTUDE 2013” FOI REMITIDO A 300 ASOCIACIÓNS XUVENÍS E A MÁIS DE 20.000 MOZOS
O Goberno galego fomentou a participación da mocidade á hora de elaborar o documento
Foi remitido, a través do CONXUGA, a todas as organizacións que forman parte do mesmo, entre as que se contan as organizacións xuvenís dos tres partidos con representación parlamentaria
O plan, que estivo colgado na web de Xuventude, remitiuse tamén a todas as escolas de tempo libre e ás oficinas municipais de información xuvenil dos concellos
A estratexia define a política a seguir en materia de mocidade nos próximos catro anos e contará cun investimento de ao redor de 900 millóns de euros Santiago de Compostela, 18 de setembro.
O Goberno galego remitiu o borrador da estratexia “Xuventude 2013”, presentada este xoves no Consello da Xunta, a un total de 300 asociacións xuvenís que figuran no rexistro da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, así como a 20.000 mozos e mozas presentes tamén na súa base de datos. Ademais, a Xunta de Galicia informou do documento base ao Consello da Xuventude de Galicia (CONXUGA), unha entidade institucional da que forman parte diversas asociacións do colectivo xuvenil, entre as que se contan organizacións sindicais e as organizacións xuvenís dos tres partidos políticos galegos con representación parlamentaria.
Con todo, e co fin de que o Plan tivera a máxima difusión entre os colectivos interesados, tamén foi remitido a todas as escolas de tempo libre, comunicado a través das redes sociais, e enviado ás oficinas municipais de información xuvenil dos concellos galegos. É preciso ter en conta que o borrador deste documento estivo colgado na páxina web de Xuventude, á disposición do público, e máis especialmente, de todos os colectivos que foron informados para que fixeran as súas achegas. Hai que lembrar, ademais, que a elaboración do documento foi froito tamén da participación, xa que xurdiu da reactivación da comisión interdepartamental de Xuventude, que levaba parada catro anos, e na que están presentes todos os departamentos da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Ademais, para elaboralo, o departamento de Xuventude levou a cabo un proceso de consulta directa, a través dun formulario, a máis de 1.000 mozos e mozas participantes nas distintas actividades de verán organizadas pola Xunta de Galicia. A estratexia “Xuventude 2013” define o programa a seguir en materia de mocidade durante os próximos catro anos e suporá o investimento de ao redor de 900 millóns de euros ata 2013, cantidade destinada a financiar as máis de 240 medidas transversais dirixidas aos mozos e mozas galegos.