Nueva York presenta una reconstrucción virtual de la catedral compostelana

UNHA RECONSTRUCIÓN VIRTUAL DA CATEDRAL ROMÁNICA DE SANTIAGO, O CAMIÑO E GALICIA CENTRARÁN VARIOS EVENTOS PROMOCIONAIS NO MUSEUM OF ART OF NEW YORK DENTRO DA PROGRAMACIÓN DE XACOBEO

 

 

  • Enmarcado no Camiño da reflexión de Xacobeo 2010, o edificio do MET acollerá un ciclo de conferencias nas que intelectuais e investigadores americanos de recoñecido prestixio falarán de diversos temas referidos a Galicia, o Camiño de Santiago e a Catedral compostelá. Desenvolveranse todos os venres do 1 ao 12 de novembro.
  • Contémplase, asemade, a presentación o vindeiro 14 de novembro da maqueta virtual da Catedral Románica de Santiago e a súa contorna.
  • O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, destacou a forte aposta que a Xunta de Galicia e Xacobeo 2010 están a realizar pola internacionalización e promoción da cultura galega.

 

Santiago, 17 de setembro de 2010.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, deu a coñecer hoxe en rolda de prensa unha serie de actos de carácter promocional, promovidos pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo en colaboración co Metropolitan Museum of Art of New York (MET). Os eventos forman parte dos primeiros pasos para a conmemoración do VIII Centenario da Consagración da Catedral Románica de Santiago de Compostela orientados á promoción do Camiño de Santiago, a Catedral e de Galicia como destino turístico.

Trátase da celebración dunha serie de conferencias que terán como marco o edificio do MET as tardes do venres, a partires do 1 de outubro ata o 12 de novembro, impartidas por intelectuais ou investigadores americanos de recoñecido prestixio sobre Galicia, o Camiño de Santiago e a Catedral compostelá; ademais da presentación, o vindeiro 14 de novembro, da maqueta virtual da Catedral Románica de Santiago e a súa contorna.

Na súa intervención, o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, destacou a importancia da celebración destes actos “nun dos máis destacados e emblemáticos museos de arte do mundo”, e que supoñen “unha clara demostración de que o rico patrimonio cultural, histórico e artístico de Galicia, co Camiño de Santiago como bandeira, é un dos principais valores de atracción turística cara a nosa comunidade” e sinalou o feito de que se realizase nun mercado turístico estratéxico para Galicia como é o estadounidense.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Lembrou, igualmente, a forte aposta realizada polo Executivo Autonómico pola internacionalización e promoción da cultura galega e lembrou que o obxectivo deste tipo de iniciativas é converter a Galicia e a Santiago de Compostela nun centro de referencia do panorama artístico e cultural a nivel mundial.

Investigadores de recoñecido prestixio

Promovidos pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, en colaboración co Metropolitan Museum Art of New York, os actos celebraranse nos edificios principal do museo, situado na Quinta Avenida de Manhattan, e en The Cloisters, no Fort Tryon Park, no norte da citada illa.

En concreto, terán lugar unha serie de conferencias no edificio do MET, dentro do Camiño da Reflexión da programación de Xacobeo 2010, as tardes dos venres, a partires do 1 de outubro e ata o 12 de novembro, nas que intelectuais e investigadores americanos de recoñecido prestixio falarán de diversos temas referidos a Galicia, o Camiño de Santiago e a Catedral de Compostela. Deste feito, personalidades da arte e da cultura encargaranse de disertar sobre o fenómeno xacobeo e de promocionalo en Nova York.

Recreación virtual da Catedral

Por outra banda, o 14 de novembro, tamén no edificio do Museo en Manhattan, no auditorio principal, Grace Rainey Rogers Auditorium, presentarase a maqueta virtual da Catedral Románica de Santiago e a súa contorna. Esta recreación está a ser realizada polo Experimental Technologies Center da University of California (UCLA), en Los Ángeles, baixo a dirección do profesor John Dagenais, desa mesma institución académica, e co asesoramento científico de John Williams, historiador de arte (Universidade de Pittsburg), Fernando López Alsina, historiador da Universidade de Santiago de Compostela, e José Suárez Otero, arqueólogo, da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

A presentación enmárcase dentro dunha serie de actividades do Museo que, co título Sunday at MET dedica algúns dos domingos do ano a tratar un tema de xeito monográfico, mediante conferencias, concertos e outras actividades. Nesta ocasión, o 14 de novembro, acollerá o proxecto Celebrating the Cathedral of Santiago de Compostela.

Trátase da reconstrución virtual da Catedral de Santiago e a súa contorna urbana tal e como estaba no momento da consagración da igrexa románica, algo que aconteceu en 1211. Inclúe, asemade, unha reconstrución virtual, en proceso, das igrexas prerrománicas que conformaron o Santuario de Santiago antes da construción da catedral románica. Esta reconstrución foi xa presentada con moi boa acollida en diversos encontros e congresos en cidades como Michigan, Chicago, Toronto ou Los Ángeles.

Esta presentación estará acompañada por un concerto de música medieval, relacionada coa basílica de Compostela e a peregrinación xacobea na Idade Media, incidindo na época de esplendor do fenómeno xacobeo, momento que corresponde coa Catedral representada nesta reconstrución virtual. Este concerto celebrarase un día antes, o 13 de novembro, na Fuentidueña Chapel, ubicada na parte do museo coñecida como The Cloisters e dedicada á arte medieval.

¿Y tú qué opinas de esto?