Conmemoración do 30º aniversario da primeira sentenza xurídica en galego

A XUNTA CONMEMORA, XUNTO COA ASOCIACIÓN DE FUNCIONARIOS POLA NORMALIZACIÓN E A IRMANDADE XURÍDICA, O 30º ANIVERSARIO DA PRIMEIRA SENTENZA EN GALEGO

 

  • Ditouna o 27 de marzo de 1985 a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña e supuxo un fito histórico na normalización da lingua galega no ámbito xurídico
  • No acto participaron o secretario xeral de Política Lingüística e os directores xerais de Administración Local e de Xustiza

Redondela (Pontevedra), 17 de marzo de 2015.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e mais os directores xerais de Xustiza e Administración Local, Juan José Martín e Alberto Pazos, respectivamente, participaron este serán en Redondela nos actos cos que a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, a Irmandade Xurídica Galega e a Xunta de Galicia celebraron o trixésimo aniversario da primeira sentenza en lingua galega, que ditou a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña e publicou o 27 de marzo de 1985.

Segundo sinalou García Gómez durante a súa intervención, “a publicación da primeira sentenza en lingua galega supuxo un avance na daquela incipiente democracia do noso país, pois constituíu un paso fundamental para garantir os dereitos da cidadanía galegofalante, por certo, maioritaria. Celebramos este acontecemento con orgullo polo camiño andado e tendo presente o que queda por percorrer: non poderemos darnos por satisfeitos ata que o galego sexa verdadeiramente un idioma de uso frecuente e normal na práctica de xulgados, notarías e rexistros”.

O galego, lingua das administracións

Pola súa banda, Martín Álvarez destacou que “a Xunta de Galicia, en cumprimento do Plan xeral de normalización da lingua galega, lles ofrece aos profesionais da xustiza formación e medios técnicos, lingüísticos e terminolóxicos, para asegurar a súa capacitación lingüística e o emprego doado do galego nas súas actividades”. O director xeral lembrou que “a consolidación a partir do ano 2002 da rede de equipos lingüísticos da Administración de xustiza e o importante labor que desempeñan, non só en materia de tradución das distintas resolucións e documentos emitidos polos órganos xudiciais, senón tamén de asesoramento lingüistico, dinamización e normalización lingüística, contribúen á conxugación do principio de cooficialidade das linguas no territorio da nosa Comunidade e o dereito de defensa das partes dentro dos procedementos xudiciais”.

“O que falta, pois, é romper inercias e vencer inseguridades inxustificadas que dificulten o uso habitual do galego. É un labor que temos que abordar conxuntamente os poderes públicos e os profesionais da xustiza. A lembranza desta sentenza, redactada en galego por tres xuíces a instancias do concello de Redondela, márcanos a dirección que debemos seguir”, concluíu.

Alberto Pazos fixo fincapé en que «non debe sorprender que o impulso do uso do galego na xustiza partise da Administración local, pois a súa cercanía facilita coñecer os anhelos dos cidadáns. Os galegos teñen vontade de se expresar na súa lingua sen mais limite que a súa propia liberdade e a obriga das administracións é seguir traballando para facer realidade ese desexo».

Dúas declaracións comprometidas coa normalización lingüística na xustiza

Os actos comezaron na Casa do Concello coa descuberta dunha placa conmemorativa e proseguiron no Multiúsos coa lectura da “Declaración para sermos máis nós” (que xa conta con máis de 600 adhesións de particulares que expresan o seu compromiso co galego como usuarios dos servizos xurídicos que prestan a avogacía e as notarías), á que seguiu a lectura da “Declaración de Redondela. Por unha lingua para o dereito” que asinaron 21 avogados exercentes en Redondela.

Neles interviron, amais de García Gómez, de Pazos Couñago e de Martín Álvarez, o alcalde de Redondela, Javier Bas Corugeira; a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega Núñez; o presidente da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, Xosé González; o presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xaquín Monteagudo; o fiscal superior de Galicia Carlos Varela; os maxistrados Xosé Barreiro Prado e Xoán Alfaya e os xuíces Miguel Seixo e Mª Carmen Rodríguez. Tamén participou neles Elisa Polanco, viúva de Claudio Movilla Álvarez, un dos tres maxistados que redactaron a primeira sentenza en galego.

A sentenza núm. 248 en galego: un fito histórico

Hai trinta anos a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña –integrada polos maxistrados Ricardo Leirós Freire, Claudio Movilla Álvarez e Gonzalo de la Huerga Fidalgo- ditaba a primeira sentenza en lingua galega (a núm. 248), un fito histórico para a normalización lingüística xa que non se coñece outro instrumento xurídico escrito na lingua propia de Galicia desde o ano 1532, no que se data un documento relativo ao foro do Mosteiro de San Clodio.

¿Y tú qué opinas de esto?