SALIDA DE ENCE
VENCE: “PROLONGAR A PERMANENCIA DE ENCE-ELNOSA SERÍA UNHA TRAIZÓN Á CIDADANÍA DE PONTEVEDRA”
Santiago de Compostela, 23 de novembro 2013.- O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, defendeu esta tarde en Pontevedra a saída de Ence-Elnosa da ría na data prevista de 2018. “Prolongar con argucias como pretende o PP a permanencia da pasteira na súa actual ubicación sería unha traizón á cidadanía de Pontevedra que leva anos reclamando a saída da empresa e a recuperación integral da ría”, salientou.
Vence, que participou na manifestación convocada para reclamar o traslado da factoría, explicou que a saída da empresa “é un compromiso polo que o BNG leva anos loitando ao lado de todos os colectivos sociais que reivindican a marcha da pasteira”, pero tamén é, lembrou, “unha compromiso do PP e do propio Núñez Feijóo, quen agora prentende mirar cara outro lado, mentres en Madrid se prepara unha Lei de Costas que abre a porta a permanencia da empresa estatal”.
O traslado de Ence-Elnosa, argumentou, “permitiría a recuperación doutras actividades económicas da Ría, en particular o marisqueo, posibilitando a creación de centos de empregos. Ademais, un ría libre da pasterira supón un novo atractivo para o sector turístico e, sobre todo, incrementaría a calidade de vida dos pontevedreses”.
Para o dirixinte nacionalista, a empresa “ten obtido cuantiosos beneficios ao longo das décadas que leva ubicada na Ría de Pontevedra, o que fai perfectamente viable que poda sufragar o traslado a outra localización máis acaída, sen menoscabo da activdade industrial e do emprego”, concluíu.