TEATRO DEL OPRIMIDO
COGAMI escenifica a problemática da inserción laboral entre a mocidade con discapacidade a través de técnicas de teatro
Un estudo da Unión Europea apunta que as persoas menores de trinta anos son as que máis complexo teñen o acceso a un posto de traballo. Se aínda por riba teñen discapacidade e unha baixa cualificación profesional (algo habitual entre as persoas con discapacidade), a inserción laboral faise máis dificultosa. Por iso, a través do proxecto europeo We are able to work 2020 (Able´20) do que COGAMI forma parte xunto con outras entidades de Grecia, Italia e Lituania, as entidades participantes van preparar situacións nas que se van avaliar as políticas que está a levar a cabo a Unión Europea para a inclusión social.
Europa 2020 é a estratexia de crecemento da Unión Europea para a década 2010-2020, tendo como obxectivo o aumento do nivel de emprego, de produtividade e de cohesión social, para aumentar a taxa de emprego da poboación entre 20-64 anos. Ademais, tamén pretende reducir o abandono escolar precoz, aumentar a poboación con estudos superiores e reducir a taxa de cidadáns europeos que vivan nas liñas de pobreza.
A técnica de teatro do oprimido vana coñecer en Tomiño un grupo formado por quince persoas, todas elas usuarias de COGAMI-Vigo e menores de trinta anos, que durante un total de seis sesións de dúas horas de duración cada unha, e guiadas por unha psicóloga e unha traballadora social, van poder debullar a Estratexia Europea 2020 dende a súa perspectiva vital e a través do desenvolvemento da técnica de teatro do oprimido.
O teatro do oprimido foi inventado nos anos 70 por un brasileiro Agusto Boal co fin de darlle voz a colectivos que viven situacións de opresión. É unha técnica na que se presentan situacións de problemas que pode haber nunha comunidade, como discriminación, prexuízos, violencia ou intolerancia. A través do teatro do oprimido vanse analizar e propoñer solucións de cambio ante situacións de opresión na que non existen os suxeitos pasivos, onde o público pode ser actor principal da obra.