A páxina oficial do pre-candidato á secretaría xeral do PSdG está xa pendurada na Rede
PARTICIPACIÓN E TRANSPARENCIA: CLAVES DA WEB DO CANDIDATO MANEL
O pre-candidato á Secretaría Xeral do Partido dos Socialistas de Galicia – PSOE e alcalde da Illa, Manel Vázquez, conta xa con web oficial na Rede, www.candidatomanel.com A páxina, de deseño simple e navegación moi intuitiva, invita en varios puntos á participación, tanto a través da propia web coma das principais redes sociais, Facebook e Twitter.
Precisamente, Manel destaca que “o partido só ten sentido coa participación activa e permanente da militancia, e cunha estrutura de abaixo a arriba, na que os cadros directivos estean obrigados a escoitar e representar os intereses e inquedanzas de toda a cidadanía”.
Ese chamamento á participación –tanto no proceso de elección do secretario xeral coma en calquera decisión relevante para o futuro do país- é unha das teimas da campaña do pre-candidato, e o punto no que máis apoio explícito está recollendo no seu periplo polas comarcas de Galicia. A páxina está aberta á participación da militancia “e de toda a sociedade, calquera suxestión ou crítica pode ser o xerme dunha idea para o progreso do partido, e do país”, di Manel.
O local, protagonista
O apartado da relevancia das agrupacións locais e comarcais, outro dos fortes do pre-candidato, cobra protagonismo na web agora pendurada na Rede. Recórdase na páxina a mensaxe, expresada xa por Manel nas súas alocucións á militancia, da defensa acérrima da importancia das agrupacións socialistas locais, que deben volver ser as protagonistas indiscutibles da vida do partido, como eixo fundamental de comunicación coa poboación real, fronte a un “aparato” parapetado en despachos e informes, e desvinculado do real.
Neste sentido, a experiencia de xestión municipal de Manel –que cumpre xa 14 anos como alcalde da Illa, único concello en Galicia no que o PSdG creceu en votos nas últimas eleccións- plásmase nun documento que abre o apartado “Propostas” da web, e que leva por título “Municipalismo e Federalismo”, e no que o pre-candidato expón as súas perspectivas de participación e democracia interna do partido, e avanza a súa concepción sobre a distribución territorial en Galicia e España.
A páxina oficial conta asemade cunha sección que reflicte algunhas das novas e entrevistas realizadas ata o momento a Manel na súa condición de pre-candidato, e outra con diversos documentos gráficos dalgunhas das xuntanzas levadas a cabo nas distintas agrupacións locais que polo de agora ten visitado.
Contacto directo coa xente
A axenda do pre-candidato figura tamén ao final da pantalla inicial da web, para que toda a cidadanía coñeza os lugares onde pode atoparse e falar directamente co pre-candidato. “Hai que recuperar o contacto directo coa xente. Boa parte dos erros cometidos no pasado nacen do afastamento das bases, da xente, da cidadanía, das persoas”, afirma Manel.
A intención do equipo da pre-candidatura de Manel é ir engadindo as críticas, suxestións, propostas, etcétera, das e dos internautas, para que se converta nun foro activo e retroalimentado de participación. E, por suposto, deixar constancia gráfica dalgúns dos emprazamentos que visite na súa andaina polas agrupacións locais socialistas do país.
Galicia pode
Manel Vázquez leva 14 anos á fronte da alcaldía de A Illa de Arousa, concello de 5.000 habitantes encravado no mesmo corazón das Rías Baixas. A súa xestión –coñecida e recoñecida como exemplar por tódolos organismos interventores oficiais- converte o concello que preside nunha rara avis do mapa español: malia contar con escaso ou nulo apoio das administracións de maior rango (provincial, autonómica e española), o municipio presenta, ano tras ano, unhas contas saneadas, equilibradas, sostibles, e cun nivel óptimo de déficit avalado e refrendado polo propio Consello de Contas.
E todo iso, sen reducir o nivel asistencial aos veciños; ben ao contrario, aumentando a carteira de servizos en comparación co pasado, e tamén cos concellos limítrofes, e facendo xestión estritamente pública da maior parte destes servizos, e mesmo revertendo no público algunhas prestacións decote en mans de empresas privadas especializadas. Un modelo de xestión, achegado á realidade e ás necesidades reais, que Manel resume nunha sentenza: “Se na Illa puidemos facelo, non existe razón para crer que no resto de Galicia non se poida facer”.
Saúde!,
Equipo de Comunicación do Pre-Candidato Manel
