Daviña despedirá a 32 trabajadores sin pagar indemnizaciones, por falta de liquidez

DESPIDOS DAVIÑA

O concello de Santiago adebeda unha cantidade de arredor de medio millón de euros á empresa

Daviña despedirá a 32 traballadores/as sen pagar indemnizacións por falta de liquidez

 

O persoal de Daviña leva desde novembro de de 2008 en situación de ERE. O último remataría a 31 deste mes, pero a finais do mes pasado o Comité de Empresa recibiu a comunicación de que entrarían un ERE extintivo que afectaría a 32 traballadores/as dun total de 52.

 

Antonio López, secretario do Comité de Empresa explica que alén diso, a empresa negouse a negociar e comunicou que ademais, non había cartos para pagar as indemnizacións. “Os compañeiros que saian despedidos van marchar sen cobrar un duro”,denuncia.

 

O concello é un dos principais clientes de Daviña, que é concesionaria do mantemento do alumeado público e acumula unha débeda importante coa empresa. O comité descoñece a contía exacta pero sabe que é de arredor do medio millón de euros. “Se se satisfixera esa débeda non daría para indemnizar a todos os compañeiros pero si permitiría que non marcharan sen nada”, sinala López.

 

O secretario do Comité de Daviña sinala que segundo a empresa a situación económica non permite facer fronte ás indemnizacións e xa anunciou que así lles sería comunicado na propia carta de despedimento. “Unha empresa como Daviña, que leva 100 anos traballando, non parece normal que non teña cartos para poder pagar. Non sabemos que pasou cos cartos, porque unha empresa como a nosa sempre tivo traballo e é de supor que tería xerado beneficios para cando menos iso”.

 

O persoal de Daviña recoñece que houbo un certo descenso na carga de traballo porque nos últimos tempos non hai obra pública, nin privada. Porén consideran que desde a empresa debería facerse un maior esforzo por conseguir novos contratos. A modo de exemplo López subliña que desde que se acabou o centro comercial do Milladoiro non se colleu ningunha obra. “Unha empresa como a nosa tiña que moverse para conseguir novos contratos. A obra que se están a facer na Praza de Abastos colleuna unha empresa de fóra e nós que estamos aquí non collemos ningún traballo por riba de 20.000 euros”.

 

A empresa tampouco presentou toda a información económica necesaria para desde o Comité avaliar a situación real na que se atopa. O día 23 remata o período de negociación e a falta das contas de 2012, o persoal non ten medios para valorar ao que se enfrontan.

 

Diante desta situación esta mañá comezaron con mobilizacións, desta volta cunha concentración diante do concello de Santiago, na Praza do Obradoiro, e anuncian que nos vindeiros días repetirán as mobilizacións contra os responsábeis da empresa.

 

A CIG-Metal exixe o mantemento dos postos de traballo e demanda tamén do concello de Santiago que pague os cartos que adebeda á concesionaria municipal.

 

Pepe Maio, representante da central sindical explica que o Comité ten solicitado reunións co concello de Santiago, sen que dera froito algún. Considera que “é escandaloso que o goberno municipal non teña nada que dicir cando Daviña é unha empresa que ten a concesión do mantemento do alumeado urbano de Santiago desde sempre e ante unha situación tan grave como é mandar á rúa a 32 persoas”.

 

 

Compostela, 16 de abril de 2013.

 Confederación Intersindical Galega

 

CONCENTRACIÓN DE TRABALLADORES/AS DE ‘DAVIÑA’ NA PRAZA DO OBRADOIRO

 

O Comité de Empresa de Daviña comezará a mobilizarse este martes, día 16 de abril, ás 11:00 horas, cunha primeira concentración na Praza do Obradoiro, para continuar nos próximos días con mobilizacións contra os responsábeis da empresa.

 

O Comité denuncia a situación económica na que se atopa Daviña, exixe o mantemento dos postos de traballo e demanda tamén do concello de Santiago que pague os cartos que adebeda á concesionaria municipal.

 

Daviña está negociando un ERE de extinción de contratos e todo indica que, en próximas datas, haberá 32 persoas despedidas con cero euros de indemnización, xa que a empresa di que non hai capacidade de pagar cantidade algunha. Un dos motivos que a empresa alega para facer estes despedimentos é a débeda que o concello ten pendente coa empresa, 480.000 euros.

 

O Comité ten solicitado reunións co concello de Santiago, sen que dera froito algún. Considera que é escandaloso que o goberno municipal non teña nada que dicir cando Daviña é unha empresa que ten a concesión do mantemento do alumeado urbano de Santiago desde sempre e ante unha situación tan grave como é mandar á rúa a 32 persoas.

¿Y tú qué opinas de esto?

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s