El personal de Administración de la USC empieza un encierro indefinido en protesta por los recortes

UNIVERSIDAD SANTIAGO

Os PAS (persoal de administración e servizos) inician un peche indefinido na Casa da Balconada

A CIG da USC denuncia que os recortes orzamentarios son unha “sentenza de morte” para a universidade pública

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Ante os recortes orzamentarios previstos para as universidades galegas, a sección sindical da CIG da USC alertou esta mañá, en rolda de prensa, das consecuencias que terán para as condicións laborais e salariais do seu persoal, para a calidade da docencia e para o propio alumnado. Responsabilizan ao presidente da Xunta da actual situación, máis logo de se comprometer, antes das eleccións autonómicas, a non seguir rebaixando as condicións laborais e salariais das empregadas/os públicos e a non subir as taxas universitarias e denuncian o papel das universidades, nomeadamente do reitor da USC que, no canto de colocarse á fronte da comunidade universitaria para combater uns recortes que sentenzan a morte a esta institución académica, “está negociando nun despacho a forma de aplicalos”.

 

Alba Nogueira denunciou a rebaixa dos orzamentos xerais para as universidades, que afectará á súa subsistencia, e a redución dos orzamentos destinados á masa salarial. As tres universidades terán que aplicar neste concepto unha rebaixa do 5%, o que supón “unha porcentaxe moi superior mesmo á que van ter o resto dos empregados da Xunta de Galiza, coa que tampouco concordamos”.

Segundo os cálculos da CIG da USC, a media dos recortes que se lles aplicarán ao conxunto de empregados/as públicos será dun 3,4%, porén Nogueira denuncia que na lei de Orzamentos dise explicitamente que no caso das universidades “a redución ten que ser do 5% en todas as categorías con independencia da súa ligazón laboral coa universidade”. Considera que tanto a redución global imposta como o feito de que se especifique esa porcentaxe -que coincide xusto coa que se recolle no decreto no que se desenvolve a posibilidade de aplicar EREs nas administracións públicas- aboca ás universidades a facer despedimentos e dálles xa a fórmula para xustificalos.

Xunto a isto, a representante dos PDI da CIG denuncia que “para poder enxugar ese grande recorte no financiamento estrutural das universidades tamén se acometerá unha suba de taxas moi grande”, de maneira que se verán afectados os tres colectivos da comunidade universitaria: PAS e PDI, polos recortes salariais, e estudantes que terán que afrontar un incremento da matrícula.

Respecto do profesorado, Nogueira denunciou que as universidades están formulando á Xunta como se vai proceder a facer ese recorte do 5% da masa salarial. “Sabemos que, dado que co complemento específico das pagas extra o recorte é inferior a ese 5%, porque descoñecen mesmo cal é o réxime xurídico do profesorado, a Xunta estaba planeando suprimir ou reducir a contía dos complementos autonómicos”. Estes complementos -de solicitude voluntaria- son complementos de produtividade e, entre eles, mesmo hai un de excelencia investigadora. Nogueira denuncia que eliminando eses complementos estaríase penalizando precisamente ao profesorado que ten unha maior produtividade que o resto.

Ante isto, a CIG entende que se hai suba das taxas que equipare as universidades públicas ás privadas e hai unha redución do número de profesores e da calidade de docencia “parece que imos ser cada vez máis parecidos ás universidades privadas e iso é o que hai detrás”.

Rebaixas salariais maiores das previstas ou despedimentos

Pola súa banda, Antonio Pérez Casas debullou polo miúdo os orzamentos e denunciou que “non houbo un ERE formal pero somos 600 empregados/as menos na USC desde o ano 2010 dun cadro de persoal duns 4.000, por mor da non renovación de vacantes, xubilacións non cubertas…”. Unha redución que é consecuencia da imposición dunhas taxas de reposición do 10% entre o profesorado e do 0% entre o persoal técnico e administrativo.

Lembrou que nos orzamentos non aprobados no claustro que non se celebrou, para a USC consignábase como masa salarial unha cifra de 151 millóns de euros, moi inferior á dos anos 2009 e 2010, que sufrira xa importantes recortes. “O que nos di agora a Xunta é que ten que quedar en 143 millóns de euros. Iso significa 7,5 millóns de euros menos de masa salarial para a Universidade de Santiago”.

Advertiu que sendo esa a previsión da administración, nin sequera sería abondo o recorte previsto con iso, “escasamente chegamos aos 4 millóns, co que aínda falta un 3% e, ou ben estamos despedindo 115 persoas, ou ben duplicando as baixadas salariais decretadas para o conxunto de empregos/as públicos/as, que xa son inxustas para todos/as e que, no noso caso, serían dobremente inxustas”.

A respecto do decreto de taxas que se recolle na lei de orzamentos, a Xunta fai unha estimación segundo a que a través destas, a universidade recadaría uns 6 millóns de euros. Unha cantidade que xa se resta do total do orzamento previsto. Pérez Casas denuncia que eses 6 millóns son “irreais” e que, no mellor dos casos, cunha matrícula moi elevada e con moito alumnado repetidor, poderíanse chegar a recadar 2 millóns de euros. Entende que esta situación provocará que sexa as propias universidades as que se vexan obrigadas a solicitar da Xunta unha suba das taxas. A isto engade que segundo o decreto Wert as universidades, no caso de subir as taxas, só percibirán como bolsa compensatoria do Estado polo alumnado bolseiro a cantidade de 2010. “É dicir, calquera incremento non será compensado pola administración estatal e se temos un bolseiro/a pagaremos a parte correspondente á suba e o Estado pagará a cifra conxelada de 2010”

Estrutura dos fondos

A USC contemplaba, no plan de financiamento, un fondo estrutural fixo durante os cinco anos que acaba de diminuír en 40 millóns de euros, 20 deles por mor da redución global e outros 20 que pasan a un fondo por mellora de calidade docente, a través dun contrato convenio. “A grande diferenza é que mentres o fondo estrutural estaba garantido para o conxunto do plan, este outro fondo, en principio desaparece para o ano que vén, polo tanto xa están falando doutra baixada de 20 millóns, para 2014, nunha lectura estrita dos orzamentos”, explicou Pérez Casas.

Como agravante denunciou que, no caso dos PAS, tamén se impoñen recortes nas súas condicións laborais, toda vez que a partir do 1 de febreiro verán modificada a súa xornada laboral, vacacións ou días de asuntos propios.

Ante isto, a CIG da USC conclúe que o esforzo que se está pedindo é imposíbel, que ninguén sabe como resolver a situación e que a consecuencia será a morte da universidade. Por iso, Alberte Pérez Viso fixo fincapé na necesidade de tomar conciencia en todos os ámbitos, tanto na comunidade universitaria como a nivel cidadá “para conseguir mobilizar as conciencias e ás persoas”.

 

Anuncios

¿Y tú qué opinas de esto?

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s