CIG, UGT, CSIF, CCOO, SPPME e Comité de Empresa do Persoal laboral
RECORTES SANTIAGO
Cualifican a proposta presentada na Mesa de Negociación de “impresentábel” e un “insulto” para o persoal municipal
Exixen a retirada dos recortes contemplados no Plan de Axuste de 2013 do concello de Santiago
As organizacións sindicais CIG, UGT, CSIF, CCOO e SPPME, xunto co Comité de Empresa do Persoal laboral cualifican de “impresentábel” a proposta presentada polo concello de Santiago, esta mañá na Mesa de Negociación do Plan de Axuste para 2013 e exixen unanimemente a súa retirada.
En xuntanza celebrada esta mañá, os representantes sindicais esixiron unanimemente a retirada inmediata da proposta que implica a retirada dunha paga semestral de productividade (183 EUR) e a redución nun 30% do fondo de acción social.
Entre outros argumentos expuxeron que cando se fixo o plan de axuste do Concello non estaba aprobada a supresión da paga de Nadal ou o incremento de xornada por supresión de asuntos particulares e vacacións (coa incidencia directa na partida de gratificacións por horas extra), amais de non presentar balance da execución do plan no 2012 en todas as previsións que figuran no propio plan.
Cualifican a proposta de “impresentábel” e un “insulto” para o persoal municipal, que ve como “ás xa draconianas medidas imposta polo goberno do estado veñen a sumarse as de «colleita propia» do goberno municipal”.
Por iso, os representantes sindicais abandonaron a mesa de negociación e foron á a Alcaldía a esixir do Alcalde a retirada desta proposta, quedando emprazados para mañá martes, ás 13,00 h. a unha xuntanza para tratar sobre estes asuntos.
Compostela, 3 de decembro de 2012
CIG, UGT, CSIF, CCOO, SPPME e Comité de Empresa do Persoal laboral