LLAMAMIENTO 14-N
Esta folga expresará o rexeitamento a unhas políticas de austeridade e axustes que levan a máis desemprego, á exclusión social e á eliminación dos servizos públicos
UGT, CCOO e CIG chaman á cidadanía galega a secundar a folga do 14N e a participar nas manifestacións
O 14N haberá mobilizacións en 23 países de Europa e folga xeral noutros catro
Santiago, 13 de novembro de 2012. CIG, UGT e CCOO fan un chamamento á cidadanía galega a secundar a folga xeral do 14N e a participar nas 11 manifestacións convocadas en Galicia, en A Coruña, Ferrol, Santiago, Ribeira, Lugo, Burela, Monforte, Ourense, Pontevedra, Vigo (onde estarán os secretarios xerais dos tres sindicatos) e Vilagarcía.
Os tres sindicatos queren resaltar que esta non vai ser só unha folga sindical, senón social. Cada persoa pode participar na convocatoria segundo a súa situación. Os activos, non indo traballar e o resto, parados, pensionistas, mocidade… non consumindo e acudindo ás manifestacións convocadas.
Lembrar que esta folga enmárcase nunha gran mobilización polo emprego, a solidariedade e contra a austeridade convocada a nivel de toda Europa con mobilizacións en 23 países e folgas simultáneas en Galiza, España, Portugal, Grecia e Italia.
E aquí en Galicia conta cun amplo respaldo social manifestado a través da Alianza Social Galega (ASG), da que forman parte 60 organizacións que rexeitan unanimemente as políticas neoliberais e o desmantelamento do estado do benestar.
As tres organizacións sindicais galegas convocan esta folga porque, porque como recollen os lemas da convocatoria, “Déixannos sen futuro! Hai culpables pero tamén hai solucións a máis paro, máis recortes, máis empobrecemento e menos protección social”.
CCOO, CIG e UGT fan un chamamento para mobilizarse polo emprego, contra a rebaixa salarial xeneralizada, fronte á exclusión social, contra a eliminación de servizos públicos e fronte ao determinismo inaceptable que nos impoñen. Por un cambio en profundidade das políticas que nos levan a unha situación sen saída e un bo exemplo disto son os máis de 260.000 parados que hai en Galicia, os 79.500 fogares nos que todos os activos están no paro e 27.600 que xa non perciben ingresos. A isto cómpre sumar 9.000 persoas que en Galicia xa perderon a súa vivenda. Os gobernos, nesta caso o do Estado e o galego, fracasaron, decepcionaron á cidadanía e agora tócanos a todos responder e pedir responsabilidades e cambios cun apoio masivo á folga xeral.
MANIFESTACIÓNS CONVOCADAS EN GALICIA PARA ESTE 14 DE NOVEMBRO:
A CORUÑA, saída da Praza da Palloza ás 12.00 horas.
FERROL, saída do Inferniño ás 12.00 horas.
SANTIAGO, saída da Praza Roxa ás 12.00 horas.
RIBEIRA, saída da Estación de autobuses ás 12.00 horas.
LUGO, saída da Casa sindical ás 12.00 horas.
BURELA, saída da Estación de servizo de Vista Alegre ás 12.00 horas.
MONFORTE, saída da Praza de España ás 19.30 horas.
OURENSE, saída do Pavillón dos Remedios ás 12.00 horas.
PONTEVEDRA, saída da Praza da Ferrería ás 12.30 horas.
VIGO, saída da Praza de España ás 11.30 horas.
VILAGARCÍA, saída da Casa do mar ás 12.00 horas.