Califican de “fraude” la delimitación del Camino Primitivo a su paso por Lugo

DENUNCIA FORO

A proposta de delimitación do Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo é unha fraude

sábado, 13 octubre 2012, 16:34, por Adega – Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza

Lugo, 17 de setembro de 2012. O Foro do Camiño Primitivo, integrado por trinta entidades de carácter social, veciñal, cultural e ecoloxista (como ADEGA) e investigadores, cualifica o proxecto de delimitación oficial do Camiño Primitivo de Santiago, actualmente en exposición pública, comoverdadeiro atentado contra os seus valores culturais e identidade histórica, e por ende, contra o expediente en trámite de declaración como patrimonio mundial pola UNESCO. Nunha primeira análise do documento, o Foro destaca o desatino do proxecto con respecto á proposta de delimitación do Camiño ao seu paso polo municipio de Lugo .

Neste treito vulnérase reiteradamente a obriga de investigar e contemplar a recuperación do itinerario tradicionaldo primeiro camiño xacobeo, desentendéndose con absoluto descaro das presuntas apropiacións da vía pública e derivando nestes casos a calzada orixinaria ás estradas máis próximas. Esta actitude fraudulenta atranca a posibilidade de dotar á sociedade do mecanismo legal necesario para emprender a recuperación dos treitos tradicionais conforme á lei.

Neste senso, o Foro quere resaltar varios casos nos que o proxecto omite a traza orixinal do Camiño Primitivo no municipio de Lugo e que impedirían a súa recuperación e a do seu territorio histórico nun futuro: o paso polo hospital de peregrinos de Santa María de Gondar (o cal, nin se menciona); o treito antigo entre Bascuas e o campo da festa de Carballido (presuntamente apropiado); desde a saída do núcleo do Burgo á Cruz de Penalumbre, así como desde esta á encrucillada da Uceira; a traza orixinaria en dirección a poñente desde o Castro de Bacurín; a variante baixomedieval polo Santo Estevo de Paderne e San Pedro de Romeán; o paso pola Rúa Vella da Ponte; e o treito antigo por O Paso e O Francés, entre outros. Tamén se observa a ausencia de propostas de recuperación da Costa Francesa e do Cruceiro de Bascuas, así como da área afectada pola canteira nesta zona.

Alén desta longa lista de omisións da traza orixinaria, atopamos tamén no proxecto casos nos que se recoñece a vía tradicional, pero nos que se dá prioridade aos desvíos e adulteramentos da mesma, contribuíndo a legalizar os presuntos intentos de peche ou apropiación indebida do Camiño Primitivo. Os casos máis sobresaíntes observámolos á saída do núcleo urbano de Bascuas; xunto as Casas de Viña en Fazai; na ponte das Samesugueiras no Carqueixo; e en San Xoán do Alto, desde o lugar de O Fornelo á igrexa parroquial.

O Foro do Camiño entende que é tanto máis grave que a adulteración ou falsificación da traza física da vía medieval, a perda de autenticidade e de integridade que a mesma implica para o seu territorio histórico , reducido a marxes completamente ridículas que, en ocasións non chegan nin a identificar e moito menos a integrar os elementos patrimoniais ou paisaxísticos tradicionalmente asociados a este itinerario europeo. A este respecto, o Foro non entende como moitos destes elementos quedan fóra do territorio protexido no concello de Lugo, como por exemplo as igrexas de Santiago de Saamasas, Santiago de Meilán, a Capela de San Bartolomeu, a Cruz do Burgo, o Castro de Canedo, o via crucis da capela medieval de Santa Locaia á igrexa de Carballido, o pazo de Recimil de Poutomillos, e mesmo, o santuario tardorromano de Santalla de Bóveda.

Ademais, podemos dicir que este proxecto de delimitación do Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo adoece dunha total ausencia de definición gráfica das conexións transversais de longo percorrido de carácter histórico: camiño da Terra Chá e de Ferrol desde Gondar, Camiño de Castela por Adai desde Romeán, enlace co Camiño Norte da Costa na Chanca, cruce co camiño real de Castela na urbe lucense, derivación ao mosteiro de Sobrado dos Monxes, etc.

Canto ás características técnicas do proxecto, é evidente falta de precisión gráfica na cartografía utilizada, eiva multiplicada pola ausencia detallada de toponimia camiñeira de carácter histórico e dos elementos do patrimonio cultural e paisaxístico, obviándose, por exemplo, mención algunha de árbores singulares integradas no territorio histórico da vía primitiva.Todas as eivas que presenta a proposta da Xunta para a delimitación oficial do Camiño Primitivo no municipio de Lugo constitúen un perigo para a preservación no futuro da rota xacobea máis antiga do mundo. É lamentable que, malia o grande investimento realizado con fondos públicos para a xestación deste proxecto de delimitación e os vinte anos que levamos agardando por el, non acade nin os mínimos requirimentos contemplados pola lei de integridade e autencidade histórica.

De non se produciren as oportunas rectificacións á proposta oficial, o Foro do Camiño Primitivo reitera a súa disposición a esgotar os recursos que a lei pon á súa disposición e a reclamar da UNESCO a suspensión cautelar do proceso para a declaración de Patrimonio Mundial.

¿Y tú qué opinas de esto?

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s