ENSINO
CCOO celebra a sentenza do Tribunal Supremo que rexeita os concertos a colexios que segregan por sexos
Para o sindicato, a LOE non deixaba dúbidas no referente á escolarización en centros públicos e privados concertados.
22-08-2012
.- Lembra Machús Fernández, secretaria Xeral da Federación de Ensino de CCOO de Galicia, que a Lei Orgánica de Educación (LOE), aprobada en maio de 2006, recolle no seu capítulo III no tocante á admisión de alumnado -artigo 84.3-“En ningún caso haberá discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social”.
Por esta razón, no Diario Oficial de Galicia (DOG) publícase a Orde de 9 de xaneiro de 2009 pola que se ditan normas para a aplicación do réxime de concertos educativos cos centros docentes privados a partir do curso académico 2009-2010, e establécese a prioridade para conceder concertos a aqueles centros que desenvolvan o principio de coeducación en todas as etapas educativas -artigo 6-, sinala Machús Fernández.
Os centros segregadores quedaron fóra dos concertos e presentaron recurso contra a non renovación do concerto. Devandito recurso foi resolto favorablemente e nunha Orde publicada no DOG de 31 de agosto de 2009 xa aparecen concedidos os concertos a estes centros sen que se recolla un aumento na partida orzamentaria nin se retirou a subvención a outros centros.
Recentemente, a Sala Terceira do Tribunal Supremo (TS) deu a razón á Junta de Andalucía e ao último Goberno de Cantabria que negaron o concerto a dous colexios nos que se imparte educación diferenciada por sexo.
«Agora por fin resólvese unha situación lamentable, que ía en prexuízo da calidade do ensino, e co agravante de contar con financiamento público para un modelo de ensino segregador propio do franquismo e no dunha sociedade avanzada, afirma Machús Fernández.