ADEGA
I programa de compostaxe no concello de Pontevedra
Neste mes de maio o concello de Pontevedra e ADEGA poñen en marcha o I programa de compostaxe doméstica. 30 familias terán a oportunidade de obter un composteiro cedido polo concello.
Este proxecto non consiste solo no reparto do composteiro, senón que os participantes inscritos de xeito voluntario recibiran formación para controlar o proceso da compostaxe.
O mércores 30 de maio ás 20:00 h os participantes inscritos poderán recoller o seu composteiro no pazo da cultura, tamén recibiran unha charla sobre a xestión dos residuos, a importancia da compostaxe e coidados básicos do composteiro.
Unha vez instalado o composteiro nas súas vivendas poderán xestionar os seus residuos orgánicos tanto os residuos da cociña como os residuos vexetais da horta e xardín.
Ao cabo de aproximadamente sete meses obterán o primeiro compost, un abono de calidade que pode ser utilizado na agricultura. Como este é un programa de acompañamento domiciliario neste período de tempo recibiran tres visitas nas que os participantes terán a oportunidade de resolver dúbidas e asegurarse que o seu composteiro está a funcionar correctamente.
A compostaxe doméstica é unha das achegas que desde os nosos fogares podemos facer para preservar o medio. Os participantes contribuirán a darlle unha solución á problemática dos residuos reducindo en orixe o volume dos mesmos.