COMUNICADO DE ADEGA
Anllares, o bosque atlántico máis occidental de Europa, camiño da degradación
Devesa de Anllares, un dos bosques atlánticos millor conservados de Europa e o máis occidental do continente, está a sufrir as consecuencias da nefasta política de conservación da Xunta. Malia a estar proposta dende 2008 para a súa inclusión na Rede Natura 2000, o desleixo das administracións e a cobiza de Ferroatlántica poden facer que esta xoia do noso patrimonio natural teña os días contados. Nos últimos meses, esta singular paraxe sufríu as consecuencias das talas e da apertura de pistas para o «servizo» das 3 minicentrais que a Xunta autorizou definitivamente a Ferroatlántica o pasado 3 de febreiro, convertindo ao Xallas no río máis sobrexplotado de Galiza-Costa. Paralelamente, na ribeira do concello de Mazaricos, abríronse pistas (probabelmente da concentración parcelaria) que como vemos nas imaxes, non lenvan a ningures e sí provocaron unha importante fragmentación e deterioro do hábitat boscoso.
O feito de que esta singular fraga figurara na proposta tanto do bipartito (2008) como do PP (2011) para formar parte da ampliación da RN2000, incorporándoa ao LIC Carnota-Monte Pindo, supón o recoñecemento explícito dos seus valores naturais por parte da administración. No entanto, e nunha nova demonstración da inexistente vontade de conservación da Xunta, minicentrais e eólicos seguiron a súa tramitación administrativa con todos os parabéns oficiais, malia ás denuncias dos colectivos ecoloxistas e cidadás.
Se a Xunta tivera amosado unha mínima vontade para a preservación da Devesa de Anllares, hai tempo que este espazo gozaría de protección oficial. Mais como en tantos outros espazos de interese, para a administración resultou prioritario que eólicos, canteiras e minicentrais foran «collendo sitio», deixando a conservación para os retallos que ficaran sen «aproveitar».