COMUNICADO DE ADEGA
A realidade dos residuos en Galiza: «Puntos limpos», vertedoiros incontrolados de residuos perigosos
Dada a natureza dos refugallos que acollen estas instalacións, é importante que os protocolos de recolida, almacenamento e tratamento destes sexan escrupulosamente respectados. A cidadanía confía en que as administracións cumpran as garantías sanitarias e ambientais no manexo destes residuos: para iso molestámonos en separar axeitadamente, e desprazarmos até estes recintos cos nosos refugallos.
Non é tolerábel que por desidia, incapacidade ou falta de interese, estes elementos perigosos e contaminantes non teñan un tratamento axeitado. Mesmo poden dar lugar a riscos sanitarios e ambientais: o fibrocemento (uralita) deita amianto, un elemento canceríxeno por inalación e contacto; unha soa pila abonda para contaminar 20.000 l de auga potábel e os seus metais pesados acumúlanse nos tecidos podendo provorcar disrupcións hormonais, tumores ou problemas neurolóxicos. E os aceites usados, sobre todo os minerais (aceites de motor) poden contaminar gravemente os acuíferos con hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs, benzopirenos) e metais pesados.
Estas malas prácticas son tamén para ADEGA unha herdanza de SOGAMA: transmitiuse á cidadanía a idea de que o lixo simplesmente «desaparece» ao botalo ao contentor ou levalo ao punto limpo. E se non se ve o lixo, solucionado o problema. No entanto, os residuos non desaparecen: só cambian de ubicación (o enorme macrovertedoiro de SOGAMA na Areosa, Cerceda); ou de fase, transformándose ao incineralos en gases e cinsas moi tóxicas que xeran novos e máis graves problemas ambientais.