ENDESA dita a súa lei no Eume saltándose a normativa ambiental galega, estatal e europea
26 de xullo de 2011. Co seu delirante proxecto de largar polo Eume abaixo os residuos tóxicos acumulados durante 50 anos no encoro d’a Capela, ENDESA GENERACIÓN S.A. quere deixar ben claro á Xunta quen manda no Eume. Tanto ten que dende aquel lonxano 1953, cando a empresa acadara unha concesión franquista que lle daba durante 99 anos dereito de pernada sobre o río, a lexislación ambiental daquela case inexistente tivera avanzado moito. Porque pese ás leis de conservación galegas e estatais, á Lei de Augas e ás directivas europeas que como a de Hábitats protexen o patrimonio público ambiental, o proxecto de «modernización de los desagües de fondo de la presa del Eume» lamina todas estas normas para impor a única lei que ENDESA semella respectar: a súa propia.Fins Eirexas Santamaría, con DNI XXXXXXXX-X, secretario executivo de ADEGA, (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), CIF G-15044811, con domicilio a efeitos de notificación na Travesa dos Basquiños, 9, baixo, 15704 Santiago de Compostela, no seu nome e en representación desta entidade, apresenta ao “Documento ambiental para el proyecto de modernización de los desagües de fondo de la presa de Eume”, proposto por ENDESA GENERACIÓN S.A., as seguintes,
ALEGACIÓNS
1. No documento ambiental do proxecto non se realiza ningunha análise das posíbeis afeccións sobre os ecosistemas, dinámica hídrica, hábitats e especies protexidas incluidas no Parque Natural das Fragas do Eume (LIC ES 1110003) dentro do que se sitúa o encoro, nin tampouco das consecuencias e posíbeis efectos sinérxicos sobre os LICs situados augas abaixo (LIC Costa Ártabra, ES 1110002 e LIC Betanzos-Mandeo, ES 1110007). Este feito xustifica por si só a obrigatoriedade de someter o proxecto a Avaliación de Impacto Ambiental.
2. Non se avalía a repercusión do proxecto sobre a calidade so subministro de auga á poboación dos núcleos situados augas abaixo do encoro e que utilizan captacións provintes do Eume, tal como establece o R.D. 140/2003, de 7 de febreiro. Tampouco aparecen referenzas ás posíbeis afeccións sobre a pesca fluvial e os recursos pesqueiros e marisqueiros da ría de Ares, malia a que hai precedentes de altas mortalidades piscícolas provocadas pola brusca diminución do pH das augas do Eume a causa das escorrentías ácidas do Chamoselo (obras da autovía Ferrol-Vilalba) e das verteduras dende o propio encoro d’A Capela.
3. No documento ambiental tampouco aparecen referenzas ao establecemento dun programa de seguemento e vixianza ambiental, nen a un eventual plano de recuperación dos espazos naturais, hábitats e especies protexidas afectadas, nen á obrigada coordenación destas medidas coas determinacións do PORN-PRUX do Parque Natural das Fragas do Eume e dos Planos de Conservación das especies incluidas no CGEA (Catálogo Galego de Especies Ameazadas). Tampouco se describe unha programación temporal das medidas ou mecanismos necesarios para a reducir ou eliminar os impactos ambientais sobre os elementos citados no punto 1, xa que aquel estremo nen sequera foi avaliado.
4. Non se fai unha caracterización fisicoquímica dos sedimentos a retirar do vaso do encoro, particularmente con referenza á presenza de metais pesados e outros compostos que cabería atopar en lamas procedentes da actividade mineira como a que realizou ENDESA durante o periodo de vida útil da mina de lignito pardo de As Pontes. Esta caracterización debe facese previamente a calquera actuación, e cando menos debe conter información encol dos seguintes compostos: nitratos, fluoruros, cloruros, Fe, Mn, Cu, Zn, B, As, Cd, Cr total, Pb, Se, Hg, Ba, CN-, SO42-, PO43-, fenois, hidrocarburos disoltos ou emulsionados, HAP, plaguicidas totais, N total e substancias extraíbles con cloroformo.
5. A respeito das opcións estudadas, a saber, o dragado e depósito dos sedimentos (alternativa 1) e o de aspiración e “reubicación” dos materiais noutro punto do vaso (alternativa 2), comentar que a alternativa finalmente escollida (2) estaría ao abeiro do disposto no artigo 6.1, apartados a e b, do Real Decreto Lexislativo 1/2001, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Augas, a respeito da zona de policía e da servidume de uso público. Neste senso, e a teor do establecido no artigo 97 apartados a e b, do devandito R.D.L. 1/2001, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Augas, esta actividade estaría prohibida por ser susceptíbel de provocar contaminación e/ou deterioro do DPH (Dominio Público Hidráulico).
6. A opción proposta (aspiración e depósito noutro punto do vaso) éo unicamente en función do seu menor custo económico e tempo de execución. Neste senso, artigo 117.1, do R.D.L. 1/2001, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Augas, fai referenza a que en caso de infracción, como presumibelmente incorrería a alternativa escolida (ver alegación 5), atenderase á repercusión das obras sobre o DPH e ao grao de deterioro producido na calidade do recurso para impoñer a sanción correspondente. Cabe salientar que a situación actual do encoro d’A Capela é froito do incumprimento continuado por parte de ENDESA dende 1960 até a actualidade das condicións da concesión e da lexislación en materia de augas, feito polo cal dende ADEGA instamos ao organismo competente (Augas de Galiza) a que inicie un procedemento de extinción da concesión a ENDESA GENERACIÓN S.A.
7. O “documento ambiental” tampouco avalía a alternativa de dragar uns sedimentos, que con toda probabilidade e tras a pertinente caracterización fisicoquímica terían a consideración de residuos tóxicos, e transportalos a un depósito controlado para o seu tratamento e inertización con cargo á empresa, evitando calquera liberación de augas contaminadas ao Eume. En troques de “reubicar” estes residuos tóxicos noutro punto do vaso do encoro expoñéndoos a que en pouco tempo as avenidas estacionais os volvan depositar no muro, propoñemos que ENDESA GENERACIÓN S.A. trasládeos á macrobalsa ácida (o mal chamado “lago”) na que está a converter o oco deixado pola mina de lignito de As Pontes.
8. Con referenza ao establecemento de 4 balsas de decantación na mesma canle do Eume, augas abaixo do encoro d’A Capela, para recibir os efluentes desaugados periódicamente dende o vaso, debemos indicar que ao igual que as obras proxectadas na denominada “alternativa 2”, estas actividades son ilegais segundo establece o artigo 97 apartados a e b, do R.D.L. 1/2001, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Augas. Trátase, sen máis, de verter progresiva e deliberadamente resuiduos tóxicos á canle dun río, coa agravante de atoparse dentro dun Parque Natural. Asemade, tais actividades dentro dun
espazo da Rede Natura con presenza de hábitats prioritarios e especies ameazadas están expresamente prohibidas pola Directiva 92/43 CEE de Hábitats (art. 6, apartados 2, 3 e 4) así como pola lexislación que traspón ao ordeamento xurídico estatal e galego esta normativa europea (Lei 9/2001 do 21 de agosto de Conservación da Natureza; Decreto 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais; Decreto 88/2007 do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas e Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, entre outras).
Por todo o anteriormente exposto,
ADEGA SOLICITA que por parte da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental rexéitese o “Proyecto de modernización de los desagües de fondo de la presa de Eume”, en base ás argumentacións anteditas. Asemade solicitamos que por parte desta Secretaría Xeral dése traslado das presentes alegacións ao organismo autónomo Augas de Galiza para que inicie un procedemento de extinción da concesión hidroeléctrica do encoro d’A Capela no Eume titularidade de ENDESA GENERACIÓN S.A.
Compostela, 26 de xullo de 2011,
Fins Eirexas, secretario executivo de ADEGA
SR. SECRETARIO XERAL DE CALIDADE E AVALIACIÓN AMBIENTAL
SR. PRESIDENTE DO ORGANISMO AUTÓNOMO AUGAS DE GALIZA
CONSELLARÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS