ADEGA instala a primeira área de compostaxe comunitaria en Fene
O pasado xoves 28 de abril instalouse a primeira área de compostaxe comunitaria no concello de Fene, esta área foi instalada no parque do Castro, consta dun composteiro, unha área de aportación de restos vexetais e un panel con información sobre a compostaxe.
Esta xornada iniciouse cunha charla formativa sobre o proceso da compostaxe e coidados do composteiro. A charla asistiron as veciñas e veciños do Parque do Castro, persoal de xardinería do concello de Fene, educadores e alumnos do ASPANEPS, os cales nos cederon o espazo para levar a cabo a actividade.
Posteriormente, tivo lugar a instalación do composteiro e acondicionamento da área de compostaxe. O composteiro é un recipiente de plástico reciclado cunha capacidade de 1.400L ónde serán depositados os residuos orgánicos das vivendas da comunidade mesturados cos restos vexetais. Construímos un caixón con palés para que o persoal de xardinería do concello deposite a herba e follas do parque, os integrantes do centro ocupacional ASPANEPS encargaranse de xeito voluntario no mantemento da área. O proxecto contará coa asesoría e seguimento da asociación ecoloxista ADEGA
Con esta iniciativa o concello pretende reducir a cantidade de residuos xerados, xestionar os residuos no mesmo lugar onde se producen evitando o transporte e sensibilizar a poboación na reciclaxe de residuos así como a súa implicación na resolución da problemática do lixo.
Ao longo do ano de duración da experiencia piloto avaliarase a repercusión social desta iniciativa, a redución de residuos orgánicos , así como a calidade do compost obtido coa colaboración da Universidade de A Coruña (UDC).