A XUNTA TRABALLA NA CREACIÓN DA MARCA DE CALIDADE “A NOSA HORTA” CO FIN DE IMPULSAR ESTA PRODUCIÓN AGROALIMENTARIA
Estarán incluídos os produtos frescos de orixe galega correspondentes a nove producións hortícolas e variedades
A estrutura das explotacións e a tradición produtiva fan á Comunidade Galega idónea para os cultivos hortícolas de calidade
Existen en Galicia arredor de 850 explotacións profesionais de horta baixo cuberta e arredor de 1.100 hectáreas de superficie dedicada á produción ao aire libre
Santiago- A Consellería do Medio Rural está traballando na creación da marca de Garantía “A Nosa Horta”, de titularidade pública pero creada coa participación do sector, na que estarán incluídos os produtos frescos de orixe galega correspondentes a nove producións hortícolas e variedades (pemento, cebola, grelo, tomate, feixón verde, leituga, repolo, verza e pataca) co fin de consolidar este sector estratéxico e certificar a calidade dos produtos da horta.
No caso de producións amparadas por Indicación Xeográfica Protexida ou Denominación de Orixe Protexida admitirase a inclusión dentro da Marca de Garantía, sempre que, con carácter previo, se proceda á súa inscrición no Consello Regulador correspondente, autorizándose nese caso a dobre inscrición. Ademais, Medio Rural non desbota a posibilidade futura de inclusión de novas variedades, novas producións e/ou novas formas de presentación
Sector estratéxico
A estrutura das explotacións e a tradición produtiva, principalmente, fan á Comunidade Galega idónea para os cultivos hortícolas de calidade; porén, o sector está moi lonxe de acadar o nivel que lle corresponde as súas condicións potenciais. Producións como as hortícolas de inverno (singularmente as crucíferas repolo, verza e coliflor) ou a produción ecolóxica, supoñen oportunidades de mercado que aínda non foron aproveitadas totalmente.
Por outra parte, a horticultura comeza a constituírse como un interesante complemento á produción gandeira para algunhas cooperativas leiteiras, grazas ás súas escasas necesidades territoriais unidas á súa intensidade de traballo, o que permite a simultaneidade de ámbalas dúas actividades.
Por todas estas cuestións pódese afirmar con rotundidade que a produción hortícola de calidade representa e, sobre todo, vai representar un sector estratéxico dentro do panorama do noso sector agrícola.
Eivas atopadas
A escasa dimensión das producións hortícolas consideradas dunha forma individual, tanto a nivel de produtor como de agrupacións e cooperativas, actúa de maneira negativa na posición de fortaleza diante da comercialización e nega a posibilidade de establecer acordos estables e continuados cos grandes grupos de distribución, agás nalgúns casos puntuais.
En definitiva, a inexistencia dunha masa crítica suficiente supón un dobre atranco para a produción e para a comercialización hortícola galega. Esa mesma insuficiencia de volume de produción impide a visualización, por parte do sector consumidor de dentro e fóra de Galicia, dunha imaxe unificada dos produtos da horta galega como tales. Unha estrutura produtiva e comercial tan atomizada leva á inexistencia dunha estratexia de presenza continuada nos centros de distribución dunha produción identificable como galega.
Produción en Galicia
Existen en Galicia arredor de 850 explotacións profesionais de horta baixo cuberta, con preto de 150 hectáreas de superficie de invernadoiros. Arredor da metade destas explotacións contan adicionalmente cunha superficie equivalente de produción ao aire libre. As principais producións son a leituga, o tomate, o pemento e o feixón verde, e case a metade das explotacións están agrupadas en cooperativas ou noutras figuras asociativas. A maioría das explotacións concéntranse en áreas costeiras das provincias da Coruña e Pontevedra, con presenza notablemente inferior nas de Lugo e Ourense.
En canto á produción ao aire libre, existen arredor de 1.100 hectáreas de superficie dedicada ao cultivo comercial de produtos de horta, ás que habería que engadir unhas 600 ha máis destinadas ao cultivo de grelo e faba. Sen contar estas dúas últimas producións, os principais cultivos de horta ao aire libre son a cebola, o feixón verde, a leituga e o repolo, ademais dunha gran variedade de outros produtos (acelga, espinaca, cogombro, cabaciña, cenoria, pemento, coliflor ou berenxena) e outros de menor importancia cuantitativa como os casos dos pementos de Oímbra e Arnoia e mesmo os espárragos verdes.
La pagina de tu Blog se ha actualizado…
[..]Articulo Indexado Correctamente en la Blogosfera de Sysmaya[..]…
Me gustaMe gusta