Calcinadas en Galicia 14.541 hectáreas por los 3.876 incendios forestales ocurridos en 2010

O BALANCE DA LOITA CONTRA INCENDIOS EN 2010 É MÁIS FAVORABLE QUE A MEDIA DOS ÚLTIMOS DEZ ANOS, SENDO SEMELLANTE AO DE 2009

 Samuel Juárez presentou en Santiago os resultados facendo fincapé na solidariedade da Xunta coas familias dos dous brigadistas falecidos en Fornelos de Montes
 Os datos de 2010 son mellores que a media da última década tanto en número de lumes como en superficie queimada e na relación entre o terreo afectado e o número de incendios
 Nesta campaña cumpríronse a maior parte dos obxectivos fixados no Plan de loita contra o lume, a pesar do cal –subliñou Juárez– arderon 14.541 hectáreas en 3.876 sinistros
 No verán a meteoroloxía foi extremadamente adversa, con longos períodos sen precipitacións, ventos fortes do norte e o nordés, baixa humidade relativa e temperaturas anormalmente elevadas
 A Xunta está a aplicar unha técnica pioneira en España para a restauración de solos afectados polos incendios

Santiago, 21 de xaneiro de 2011.- O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, informou esta mañá en rolda de prensa dos resultados da campaña de 2010 de loita contra os lumes forestais en Galicia. Juárez iniciou a súa comparecencia advertindo que “o balance da última campaña non pode considerarse nunca como satisfactorio, tendo en conta o falecemento dos brigadistas Julio Martínez da Silva e Rodrigo Amo Gonzalez o pasado verán mentres apagaban un lume no concello pontevedrés de Fornelos de Montes”. O titular de Medio Rural amosou, unha vez máis, a solidariedade e afecto da Xunta ás familias de ambos traballadores. Juárez, que estivo acompañado na rolda de prensa polo director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, quixo tamén recoñecer expresamente o labor de cada unha das persoas que traballan en Galicia na extinción e prevención dos incendios, que no pasado verán chegaron a sumar 6.085 efectivos.

Centrándose xa nos datos da campaña de 2010, o conselleiro destacou que os resultados son máis favorables que a media dos últimos dez anos, sendo case semellantes aos do ano 2009. Así, puntualizou Juárez, os 3.876 lumes rexistrados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2010 foron inferiores nun 32,3% respecto da media do período 2005-2009, feito que se pode estimar como positivo dentro do dano que sempre orixinan os lumes forestais. Na seguinte táboa amósanse os datos básicos en canto á incidencia dos lumes en Galicia durante o ano 2010 en comparación co 2009 así como as medias do último quinquenio e a última década:

Táboa 1. Número de lumes e superficie afectada
PERÍODO LUMES SAQ (ha) STQ (ha)
2010 3.876 3.002,6 14.541,1
2009 3.971 2.275,4 10.739,7
Media 00-09 8.116 11.894 31.988
SAQ (ha): Superficie arborada queimada (hectáreas) / STQ (ha): Superficie total queimada (hectáreas).

Como se aprecia na táboa, no 2010 baixa tanto o número de lumes como a superficie queimada en relación coas medias dos últimos dez e cinco anos.
Sen embargo, en relación co 2009, medra a superficie afectada. Por provincias, a maior incidencia rexistrouse en Ourense, tanto por número de lumes como por superficie queimada. No lado oposto, Lugo foi a menos afectada. Pontevedra ocupa o segundo lugar por número de incendios rexistrados, e A Coruña o segundo posto por superficie queimada.

Táboa 2. Lumes e superficie afectada por provincias (ano 2010)
A CORUÑA LUGO OURENSE PONTEVEDRA TOTAL GALICIA
Nº LUMES 930 481 1.420 1.045 3.876
SAQ (ha) 1.367,80 277,66 830,56 526,59 3.002,61
STQ (ha) 3.341,17 1.009,41 8.914,29 1.276,21 14.541,08
SAQ (ha): Superficie arborada queimada (hectáreas) / STQ (ha): Superficie total queimada (hectáreas).

Cinco semanas sen chover
Para analizar todos estes datos, o conselleiro do Medio Rural subliñou que é preciso ter moi en conta as excepcionais condicións meteorolóxicas de 2010 con respecto ao 2009. Salientou que na última campaña o clima non puido ser máis adverso para a extinción de lumes forestais, especialmente durante o verán, tal e como sinalan os respectivos informes de Meteogalicia e Aemet (Axencia Estatal de Meteoroloxía). Así, puntualizou, foi a primeira vez desde que se teñen rexistros que non choveu en toda Galicia durante cinco semanas seguidas, sendo este período incluso moito máis prolongado no interior da Comunidade.

De feito, o verán de 2010 pasará a historia por temperaturas altas, persistencia de ventos do nordés moderados e mesmo fortes, pouca humidade ambiental e, sobre todo, datos pluviométricos extremos, con encadeamento de cinco semanas seguidas –entre xullo e agosto– sen que caese unha soa pinga de chuvia na nosa Comunidade. Condicións que había moitos anos non se xuntaban nun período estival en Galicia.

Obxectivos
Juárez salientou que en 2010 cumpríronse a maior parte dos obxectivos de control marcados no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2010). Así, logrouse reducir ata un 50% o número de incendios con respecto da media dos dez últimos anos. Rebaixouse tamén a superficie total queimada con respecto á mesma media da última década e cumpriuse o obxectivo de manter a porcentaxe de lumes menores de 1 hectárea por riba do 70% do total (78,8%). Outro obxectivo fixado no Pladiga 2010, e tamén acadado, foi o de lograr que a superficie arborada queimada por lume non superase a media de 1 hectárea (no 2010 situouse en 0,77 hectáreas).

O titular do Medio Rural destacou como outro dos fins, propostos e acadados, o que atinxe á gravidade dos lumes. En particular, Juárez explicou que durante o ano 2010 só se cambiou de nivel de gravidade (existen 3 niveis, de menor a maior risco e dificultade da extinción) en catro ocasións, fronte á media dos últimos cinco anos, que está fixada en 13 variacións de nivel.

Pola contra, os dous únicos obxectivos que non se conseguiron en 2010 –iso si, por escasa marxe– foron o de manter o número de lumes maiores de 25 hectáreas por baixo do 2% do total (o dato de 2010 foi do 2,4%) e que a superficie queimada por lume non superara este ano a media de 3 hectáreas (finalmente quedou establecida en 3,7 hectáreas).

Causalidade
No referente ás causas dos lumes, segundo explicou o conselleiro, destaca en primeiro lugar a intencionalidade, que representa un 76,3% sobre o total. Dentro desa intencionalidade, figura en primeiro lugar, como causa concreta, a eliminación de matogueira (cun 44,7%), seguida doutras motivacións, co 29,1%, e cunhas porcentaxes menores referidas aos lumes provocados por pirómanos (8,6% dos casos) e por causa do vandalismo, co 5,1%. Tamén debe considerarse o importante aumento dos lumes nocturnos (indican maior grao de intencionalidade) a partir do 2009 no conxunto de Galicia e, en particular, nas provincias de Ourense e Pontevedra. Neste sentido, advertiu que no mes de setembro dous de cada cinco lumes rexistrados en Galicia iniciáronse pola noite, chegándose a unha porcentaxe de case o 45% na provincia de Ourense.

Samuel Juárez agradeceu unha vez máis o esforzo realizado polos corpos e forzas de seguridade do Estado na prevención e loita contra os incendios forestais. Dixo ademais que, como resultado das investigacións desenvolvidas, ao longo do ano 2010 foron detidas un total de 119 persoas como presuntas responsables do inicio de diferentes lumes en Galicia.

Táboa 3. Detidos por lumes en Galicia
ANO Nº DE DETIDOS
2005 162
2006 176
2007 200
2008 140
2009 166
2010 119

O titular de Medio Rural deu a coñecer tamén os datos relativos aos considerados como “grandes lumes” (aqueles que queimaron máis de 500 hectáreas). Explicou que no 2010 houbo dous en Galicia, un en Chandrexa de Queixa e outro en Laza, ambos en Ourense. No primeiro a superficie total queimada foi de 628 hectáreas e no segundo de 1.715. Neste sentido Juárez advertiu, como dato salientable, que de toda esta superficie só un total de 24 hectáreas correspondían a terreo arborado, sendo o resto de superficie rasa.

Técnica pioneira de restauración
O conselleiro lembrou por último que Medio Rural está traballando de xeito sistemático na restauración das zonas afectadas polos lumes. Este ano aplicou en nove áreas unha técnica pioneira en España para a protección e recuperación de solos. Trátase do sistema coñecido como mulching, consistente en protexer o chan cubríndoo cun material, neste caso palla, fronte á erosión. En total, traballouse en preto de 300 hectáreas de terreo, comprobándose xa que os traballos concluíron de xeito satisfactorio. Tras as chuvias do outono e boa parte do inverno, nestas zonas apreciouse unha redución dos arrastres e o inicio da rexeneración da vexetación. Entre os labores realizados salientan os desenvolvidos nos concellos de Boiro (A Coruña) e Laza (Ourense). En Boiro traballouse desde terra e en Laza, debido ás dificultades de acceso, por medio dun helicóptero que deixa caer a palla sobre o terreo.

ANEXOS

GRAFICA Nº DE LUMES, SUPERFICIES ARBORADA E TOTAL QUEIMADA

PERIODO 2005- 2009 E ANO 2010: 1 DE XANEIRO-31 DECEMBRO

PERIODO 1989- 2009 E ANO 2010: 1 DE XANEIRO-31 DECEMBRO

¿Y tú qué opinas de esto?