O LUNS DÍA 4 DE OUTUBRO COMEZA A CAMPAÑA DE LIBRE MARISQUEO NOS LOMBOS DO ULLA, BOHÍDO E CABÍO
Comienza la campaña extractiva de libre marisqueo para los mariscadores de la ría de Arousa, en los bancos de arena del Ulla, Bohído y Cabío
- Técnicos da Consellería do Mar e os patróns maiores das 12 confrarías da Ría de Arousa que faenan nestes bancos reuníronse esta semana para organizar diferentes aspectos que atinxen ao traballo conxunto da campaña
Foto: Wikipedia
Santiago, 3 de outubro de 2010.- Mañá comeza a campaña extractiva de libre marisqueo para os mariscadores da ría de Arousa. Técnicos da Consellería do Mar e os patróns maiores das 12 confrarías desta ría que faenan nos bancos de libre marisqueo, como Lombos do Ulla, O Bohído e Cabío, reuníronse esta semana para organizar diferentes aspectos que atinxen ao traballo conxunto da campaña. Entre eles acordouse o período de desenvolvemento da actividade que se prolongará ata o 1 de abril de 2011 e que poderá ser modificado pola dirección xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños trala petición do sector e atendendo aos datos biolóxicos dos bancos e da evolución dos prezos no mercado.
Outro dos temas principais tratados na xuntanza foi o das cotas máximas de captura. No caso dos Lombos, as cantidades consensuadas entre administración e sector para o berberecho foi de 6 quilos máximo por tripulante, 2 quilos para a ameixa fina, a mesma cantidade para a ameixa babosa e 6 quilos para a ameixa xaponesa. No Bohído, os topes de capturas diarias por tripulante son de 2 quilos para a ameixa fina, tamén esta cantidade para a ameixa xaponesa e 5 quilos para cada unha das especies de ameixa babosa, ameixa bicuda e carneiro.
Por outra banda, en Cabío e no resto de zonas de libre marisqueo da ría, as cotas máximas son de 5 quilos para as especies de berberecho, ameixa xaponesa, ameixa bicuda e carneiro; 21 quilos para a ameixa rubia, 6 para a ameixa babosa e 2 quilos para a fina.
No que atinxe aos horarios, a actividade extractiva realizarase de luns a xoves en horario de 8:00 a 14:00 horas. Para o labor de extracción están autorizadas como artes de marisqueo dende embarcación os rastros, os raños e as ganchas. A separación mínima entre varillas será de 17 mm.
En canto á vixilancia da zona e dos puntos de control, realizaranse conxuntamemte entre os vixilantes das confrarías da Ría de Arousa coa colaboración do Servizo de Gardacostas de Galicia da Consellería do Mar.
* Nota: adxuntamos táboa de topes diarios por tripulante nas zonas de libre marisqueo.
ANEXO: TÁBOA TOPES DIARIOS POR TRIPULANTE
| Especies | Lombos do Ulla | O Bohído | Cabío | Resto de zonas |
| Berberecho | 6 | – | 5 | 5 |
| Ameixa fina | 2 | 2 | 2 | 2 |
| Ameixa babosa | 2 | 5 | 6 | 6 |
| Ameixa xaponesa | 6 | 2 | 5 | 5 |
| Ameixa rubia | – | – | 21 | 21 |
| Ameixa bicuda | – | 5 | 5 | 5 |
| Carneiro | – | 5 | 5 | 5 |