O PROGRAMA DE AXUDAS A PROXECTOS DE ENERXÍAS RENOVABLES DE ECONOMÍA E INDUSTRIA PÉCHASE CON 1.090 SOLICITUDES ACEPTADAS. Se ben o número de subvencións admitidas supera o millar, o Instituto Enerxético de Galicia recibiu un total de 1.623 borradores de axudas
Economía e Industria acepta 1.090 solicitudes para el programa de ayudas a proyectos de energías renovables. El número de solicitudes admitidas supera el millar, pero el Instituto Energético de Galicia recibió en total 1.623 borradores de ayudas
- A través desta actuación desenvolvida polo Instituto Enerxético de Galicia, o departamento autonómico que dirixe Javier Guerra terá posibilitado un investimento asociado de 30 millóns de euros, así como impulsar proxectos orientados a evitar a emisión de 15.000 toneladas de CO2 á atmosfera
- O director do Inega reafirma a aposta por incrementar a axilidade e eficacia da administración e por iso nesta convocatoria continuarase co compromiso de acurtamento dos prazos, de xeito que as axudas se resolvan nun prazo máximo de 6 meses
Santiago, 26 de setembro de 2010.- Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o balance do programa de axudas a proxectos de enerxías renovables que a Consellería de Economía e Industria desenvolve a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) ascende a un total de 1.090 solicitudes aceptadas.
Se ben o número de subvencións admitidas supera o millar, o Instituto que dirixe Eliseo Diéguez, adscrito ao departamento cuxo titular é Javier Guerra, recibiu un total de 1.623 borradores de subvencións, dos que desbotou unha parte considerable por non cumprir os requisitos necesarios ou por falla de documentación.
Os proxectos para a instalación de caldeiras de biomasa foron os que rexistraron un maior número de solicitudes (661); seguidos da liña de axuda para solar térmica (254) e da de solar fotovoltaica conectada á rede (106). Ademais admitíronse 24 axudas para proxectos de solar fotovoltaica illada; 17 de biogás/gasificación -o dobre que o ano pasado- e 28 proxectos doutras renovables.
Eliseo Diéguez remarcou que na actual convocatoria se destinaron 4,66 millóns a este programa de axudas, un orzamento superior ao 12% con respecto á cantidade executada no anterior exercicio a este programa de subvencións, dirixidas a todos os sectores económicos e a todo tipo de beneficiarios. A través deste programa Economía e Industria posibilitou un investimento asociado de 30 millóns de euros, así como impulsar proxectos orientados a evitar a emisión de 15.000 toneladas de CO2 á atmosfera.
Axilidade e eficacia
O director do Inega reafirmou “a aposta por incrementar a axilidade e eficacia dunha administración que só ten sentido se está ao servizo dos cidadáns” e destacou que “en ano e medio, a Consellería de Economía e Industria ten reducido a máis da metade os prazos de resolución e tramitación das axudas deste programa, ao pasar dos máis de 15 meses de media no 2008 a acadar os 10 meses, en 2009, e fixar o compromiso de resolución definitiva en 6 meses, na presente convocatoria”.
Así mesmo precisou que “a convocatoria de axudas de enerxías renovables 2010 presentou como outra das novidades administrativas a posibilidade, para o usuario, da consulta on-line do estado de tramitación do seu expediente, ao longo de todo o proceso, desde a presentación da solicitude ata a resolución final”.
“Ademais continuamos prestando unha especial atención aos concellos para os que se incrementou nun 33% as axudas (1.200 euros/kWp) das instalacións fotovoltaicas conectadas á rede de titularidade municipal, e nun 50% a axuda máxima por proxecto fixada en 9.000 euros, e a contía subvencionable do 45% nas tipoloxías de solar térmica e biomasa”, concluíu.
O programa de axudas a proxectos de enerxías renovables, cun orzamento de 4,66 millóns de euros, vén reforzar a aposta estratéxica da Xunta de Galicia polo aproveitamento dos recursos autóctonos mediante a implantación das enerxías renovables co fin de facer de Galicia unha comunidade líder no aproveitamento das enerxías limpas.
De xeito que para cumprir o devandito obxectivo, o Goberno galego márcase como reto chegar ao ano 2015 producindo con fontes renovables máis do 95% do consumo de electricidade.