LETE LASA LAMENTA A ACTUAL SITUACIÓN DO EQUIPO CICLISTA E ANUNCIA QUE FARÁ TODAS AS XESTIÓNS POSIBLES PARA ASEGURAR A SÚA CONTINUIDADE
El secretario general para el Deporte de la Xunta lamenta la actual situación del equipo ciclista Xacobeo Galicia y anuncia que hará todas las gestiones posibles para asegurar su continuidad. Vincula la supervivencia del equipo a encontrar un patrocinador antes del próximo viernes.
- O secretario xeral para o Deporte vincula a continuidade do equipo ciclista Xacobeo Galicia a atopar un patrocinador principal antes do venres
- Reiterou que o compromiso da Xunta co ciclismo e lembrou como, o ano pasado e tras xestións da Secretaría Xeral para o Deporte ante a UCI, se conseguiu á participación do equipo na Volta deste ano
Santiago, 27 de setembro de 2010.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asegurou esta mañá que seguirá a traballar a fondo no que resta ata o venres –prazo que concede a Unión Ciclista Internacional- para atopar unha solución que garanta a continuidade do equipo ciclista Xacobeo Galicia.
Non obstante, Lete Lasa vincula o futuro do equipo a atopar un patrocinador principal privado que faga posible o proxecto así como das decisións que adopte a Fundación Ciclismo Galego, entidade na que a secretaría xeral participa xunto a outras institucións públicas e privadas. “Sempre estivo e está no ánimo da Xunta e da Secretaría Xeral para o Deporte apoiar o proxecto de contar cun equipo ciclista profesional galego, pero, tamén na idea de que un proxecto desta envergadura debe estar sustentado principalmente no financiamento privado”, asegurou José Ramón Lete Lasa.
Segundo dixo, nos últimos días intensificáronse os contactos “a distintos niveis e con distintos interlocutores, a quen se lles agradece o esforzo e o interese amosado” pero “o proxecto de equipo ciclista non ten encontrado a día de hoxe patrocinador principal para continuar máis alá deste ano, sen prexuízo da marxe de manobra que nos queda de aquí ao venres, que é o último día que nos esixe a UCI para cumprir cos requirimentos”.
José Ramón Lete Lasa explicou que a importante contía económica que se precisa xunto co escenario económico actual fan difícil lograr o apoio do sector privado. “O orzamento total do equipo é o mesmo que esta Secretaría Xeral dedica aos 1.300 clubs de Galicia e triplica a destinada ao deporte escolar”, sinalou.
Así mesmo, o secretario xeral para o Deporte lembrou que o equipo xa pasara por unha situación moi delicada o ano pasado, que foi solventada, logo de xestións e esforzos da Xunta de Galicia, coa presentación ante a UCI da xustificación do financiamento da débeda que ven arrastrando o equipo dende exercicios anteriores.
Ademais, Lete Lasa cualificou de “interese prioritario para a Secretaría Xeral para o Deporte” a situación dos profesionais do equipo, a quen “dende o primeiro momento lles trasladei persoalmente as dificultades de poder continuar co proxecto a pesar das xestións que se estaban realizando”, dixo.
“A prioridade neste momento é asegurar o abono dos salarios dos profesionais ata que rematen os seus contratos antes de finais de ano”, engadiu o secretario xeral, quen insistiu en que “ata o último momento continuaremos facendo todas as xestións que estean nas nosas mans para poder continuar con este proxecto”.