SANIDADE POTENCIA O TELÉFONO DOS CENTROS DE SAÚDE COMO PORTA DE ENTRADA AO SISTEMA E CENTRALIZA OS NÚMEROS ACTUAIS NUN ÚNICO DE ATENCIÓN SANITARIA COMO SEGUNDA OPCIÓN. Recibidas oito ofertas no concurso para a implantación deste teléfono único
La Xunta potencia los teléfonos de los centros de salud como puerta de entrada al sistema y centraliza los números actuales en uno único de atención sanitaria como segunda opción. Ya se han recibido ocho ofertas en el concurso para implantar este teléfono único.
Santiago, 25 de setembro de 2010.- A Consellería de Sanidade está a potenciar o número de teléfono de cada un dos centros de saúde como porta de entrada ao sistema e a centralizar os teléfonos actuais nun número único de atención sanitaria na Comunidade como segunda opción. O Servizo Galego de Saúde recibiu oito ofertas no concurso para a implantación deste teléfono único, e a adxudicación terá lugar nas próximas semanas.
A través destas opcións, os usuarios poderán solicitar citas para atención primaria, realizar consultas e, no futuro, realizar calquera trámite e consulta telefónica relacionada co ámbito sanitario. Entre as novidades desta iniciativa destaca que cando un cidadán chame para pedir cita se lle ofrecerá a posibilidade de realizar unha consulta telefónica a persoal sanitario que podería solucionar directamente o seu problema.
A implantación deste servizo suporá así unha optimización dos recursos dispoñibles, aliviando a presión asistencial ao tempo que facilita o acceso dos usuarios ao sistema sanitario evitándolles desprazamentos innecesarios. Ademais, ao potenciar o teléfono dos centros de saúde refórzanse as relacións humanas entre estes e os cidadáns e ofrécese unha opción máis barata aos usuarios, que non se verán obrigados a chamar a un 902.
Así, no caso da cita, os usuarios poderán decidir libremente se queren chamar directamente ao seu centro de saúde ou se prefiren contactar co novo teléfono único: o sistema sanitario admitirá ao paciente pola entrada que el elixa, e o nivel e calidade de atención será o mesmo en ambos casos. Deste xeito, a proposta de Sanidade é unha solución flexible, xa que permitirá aos usuarios escoller como solicitar a súa cita de Atención Primaria, e quedará totalmente aberto á incorporación de novos servizos e funcionalidades.
Simplificación da situación actual – Simplificación de la actual situación
O teléfono é a principal porta de acceso ao sistema sanitario: cada ano, aproximadamente 13 millóns de usuarios –con doce millóns de citas e un millóns de consultas telefónicas e urxencias atendidas- entran en contacto cos recursos asistenciais públicos a través deste medio.
Na actualidade, o Servizo Galego de Saúde conta co número 902 400 116 -para consultas non urxentes e información puntual- e con distintos teléfonos de cita de Atención Primaria. Neste caso, existe a central de chamadas Saúde en liña (902 077 333), que dá servizo ao 52% dos galegos, e o 902 077 066 que atende a un 2% da poboación, mentres que o resto dos cidadáns chaman directamente ao centro de saúde.
Polo tanto, a atención telefónica condiciona a axilidade e prontitude na prestación da maior parte da atención sanitaria, a equidade na atención entre as diferentes zonas xeográficas, a adecuada información á poboación sobre os recursos que ten á súa disposición, a satisfacción do usuario e a propia imaxe do sistema sanitario.
Así, e segundo establece a Estratexia Sergas 2014, o Servizo Galego de Saúde unificará o acceso telefónico, potenciando o centro de saúde como entrada ao sistema e conservando un teléfono único para toda a atención sanitaria -incluída a consulta sanitaria telefónica- para toda a Comunidade; estenderá, uniformará e ampliará o servizo de cita de Atención Primaria a toda a poboación de Galicia; mellorará a eficiencia mediante sistemas que permitan automatizar os procesos de menor valor engadido sen prexudicar a calidade; aproveitará os recursos dispoñibles; e deixará aberta a posibilidade de poder xestionar no futuro novos servizos a través deste teléfono.