A XUNTA PIDE AO MINISTERIO DE FOMENTO QUE NO PLAN ESTRATÉXICO PARA O IMPULSO DO TRANSPORTE FERROVIARIO DE MERCADORÍAS PRIORICE AS ACTUACIÓNS PARA LOGRAR A COHESIÓN E O EQUILIBRIO TERRITORIAL
La Xunta pide al Ministerio de Fomento que en el plan estratégico para el impulso del transporte ferroviario de mercancías se dé prioridad a las actuaciones que procuren cohesión y equilibrio territorial.
- Para o responsable de obras públicas da Xunta de Galicia, estase de acordo nos principios xerais do documento, no sentido de que é necesario incrementar os ratios de utilización do transporte de mercadorías por ferrocarril
- Hernández manifestou que a intención do Goberno galego é a de acadar un consenso co Ministerio de Fomento, polo que amosou a disposición da Xunta a analizar a documentación facilitada hoxe polo ministerio
Madrid, 23 de setembro de 2010.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que participou na Conferencia Sectorial do Ministerio de Fomento na que se expuxeron os criterios do Plan Estratéxico para o Impulso do Transporte Ferroviario de Mercadorías, manifestou que se trata dun documento de “principios xenéricos” con pouca concreción, que ven a confirmar o fracaso de 5 anos nas políticas de transportes de mercadorías por parte do Estado.
A pesares diso, manifestou que introduce melloras para Galicia en relación co documento de 2009, no que non aparecía o noroeste nas liñas de transporte ferroviario, e esa cuestión agora mesmo está solucionada xa que na rede básica do Adif para o transporte de mercadorías aparece Galicia e a súa conexión cara Madrid e subcantábrica a través de Monforte de Lemos.
Para o responsable de obras públicas da Xunta de Galicia, estase de acordo nos principios xerais do documento, no sentido de que é necesario incrementar os ratios de utilización do transporte de mercadorías por ferrocarril (a día de hoxe situado nun 4,1%, só por diante de Grecia e Irlanda), “o certo é que o documento non aclara cuestións vitais con especial incidencia en Galicia, como a cuestión dos anchos de vía, a integración na rede de alta velocidade ou os nodos loxísticos”.
Ao respecto desto último, o plan estratéxico inclúe tres nodos loxísticos na nosa comunidade: un no norte, outro no sur e o de Monforte, este último tras a petición expresa da Xunta en abril de 2010. O conselleiro manifestou, sen embargo, que os nodos loxísticos non aparecen diferenciados respecto ao seu ámbito territorial, no sentido de se teñen carácter autonómico, interautonómico ou nacional.
Hernández manifestou que a intención do Goberno galego é a de acadar un consenso co Ministerio de Fomento, polo que amosou a disposición da Xunta a analizar a documentación facilitada hoxe polo ministerio. Non obstante, o conselleiro manifestou que aínda “existe un camiño por percorrer” para, entre outras cuestións, definir a rede básica de infraestruturas ferroviarias de mercadorías na nosa comunidade, a funcionalidade de acceso aos portos, así como a compatibilidade da rede de alta velocidade e a rede de mercadorías. Por parte do Ministerio, comunicouse que en vindeiras datas trasladarase á Xunta de Galicia o deseño definitivo previsto para o Eixo Atlántico co obxectivo de garantir a accesibilidade a todos os portos.
PEIT
A sectorial tamén abordou os criterios de actualización do Plan Estratéxico de Infraestruturas e Transportes (PEIT). O ministerio trasladou ás comunidades autónomas a intención de remitir ás comunidades autónomas, antes de que remate o ano, o balance de situación do PEIT ao remate do ano 2010.
Segundo o conselleiro, a pesares das afirmacións recollidas no documento de Fomento de que España ten unha rede de infraestruturas equiparable aos países mais avanzados de Europa, o certo é que a día de hoxe aínda non se logrou o necesario equilibrio e cohesión territorial, e Galicia é un dos principais exemplos”.
Por elo, Agustín Hernández afirmou que “non podemos estar de acordo en que a priorización das novas infraestruturas pendentes se faga en base a criterios de rendibilidade económica ou social, como tampouco pode estar de acordo a Xunta de Galicia coa eliminación de actuacións previstas, como a do Ave do Cantábrico.
O conselleiro manifestou ao ministerio a súa discrepancia coa aplicación de tarifas polo uso das infraestruturas ou a internalización dos custes do transporte en tanto en canto non se consigue o desexable reequilibrio e cohesión territorial.