Santiago acogerá la celebración del octavo Congreso Internacional de Estudios Jacobeos del 13 al 15 de octubre
SANTIAGO ACOLLERÁ A CELEBRACIÓN DO VIII CONGRESO INTERNACIONAL DE ESTUDOS XACOBEOS DO 13 AO 15 DE OUTUBRO
- Reunirá a investigadores españois, italianos, franceses, alemáns e norteamericanos no considerado como o grande congreso do Camiño de Santiago, organizado por Xacobeo 2010 xunto co Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.
- Aberto ao público en xeral e gratuíto, os interesados en asistir poden atopar o formulario de inscrición na web de Xacobeo ou solicitalo no teléfono 881 978 488.
Santiago, 22 de setembro de 2010.- A cidade de Santiago acollerá a celebración da oitava edición do Congreso Internacional de Estudos Xacobeos, Peregrino, ruta e meta nas peregrinationes maiores, que terá lugar do 13 ao 15 de outubro no Hostal dos Reis Católicos. Organizado por Xacobeo 2010, dentro da programación deseñada para o Camiño da Reflexión, xunto co Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, nel abordaranse as peregrinacións maiores a Santiago, Roma e Xerusalén, tendendo pontes á colaboración entre as principais cidades santas de Occidente, defendendo a súa realidade común, a súa pertenza a unha cultura da peregrinación e propoñendo a existencia de itinerarios de ida e volta entre os tres destinos.
A cita reunirá en Compostela a investigadores españois, italianos, franceses, alemáns e norteamericanos, que contribuirán á difusión dos estudos composteláns e á súa proxección en Europa e no resto do mundo.
A inscrición para asistir ao congreso, aberto ao público en xeral, é gratuíta e limitada á capacidade da sala, é dicir, que o número máximo de asistentes será de 200 persoas, facéndose a selección por rigorosa orde de inscrición. O formulario de inscrición pódese atopar na web de Xacobeo (http://www.xacobeo.es) ou solicitalo no teléfono 881 978 488, e deberá remitirse vía fax, e-mail ou correo ordinario debidamente cuberto á Secretaría Técnica (Dr. Teixeiro, 39, entº 7. 15701, Santiago de Compostela).
O VIII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos está dirixido por Paolo Caucci von Saucken, presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, entidade nada en 1992 motivado pola necesidade de asesorar no eido científico e cultural á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia de cara ao Ano Santo Compostelán de 1993. Ademais, está composto polos máis coñecidos investigadores europeos de temática compostelá. Desde aquela, foron organizados sete congresos, o último en 2004, e con esta nova edición quérese recuperar esta tradición de encontros de grande prestixio.