El presidente de la Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, recibe a los presidentes autonómicos con motivo del Año Santo 2010. Feijóo agradece a los parlamentos autonómicos su compromiso con el Xacobeo y que lo consideren «un asunto de Estado»
O titular do Goberno galego recibe aos presidentes autonómicos con motivo do Ano Santo Xacobeo 2010. FEIJÓO AGRADECE O COMPROMISO DOS PARLAMENTOS AUTONÓMICOS CO XACOBEO E O SEU TRATO COMO “ASUNTO DE ESTADO”
Lembra que a España autonómica “foi o froito dun gran esforzo colectivo” equiparable na súa dificultade ao Camiño de Santiago
- Sinala que a “profunda” crise económica “debería servir como punto de inflexión para recuperar o espírito de avance conxunto”
- “En termos de recursos públicos, nada volverá ser como antes. Todas as Comunidades Autónomas afrontamos o reto de ‘facer máis con menos’”, explica
- Avanza a dificultade que entrañarán os próximos Presupuestos Generales del Estado, nos que se debe facer un “esforzo sincero para achegar as necesarias doses de sentido común e non deixarse levar por absurdas diferenzas de curto percorrido”
- Define ao Xacobeo como “un asunto de Estado” que beneficia a todos: “Non en balde, os múltiples camiños que aquí chegan transcorren pola práctica totalidade das Comunidades Autónomas españolas”
Santiago, 20 de setembro de 2010.- O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, agradeceu hoxe, durante a recepción aos presidentes autonómicos con motivo do Ano Xacobeo, o compromiso dos parlamentos autonómicos co Xacobeo e o seu trato como asunto de Estado.
Así, subliñou que a presenza na Capital de Galicia de todos os presidentes autonómicos, contribúe a facer do Xacobeo “un asunto de Estado” que beneficia a todos: “Non en balde, os múltiples camiños que aquí chegan transcorren pola práctica totalidade das Comunidades Autónomas españolas”.
“Agradecemos e valoramos o respaldo sincero que esta mañá brindaron ao feito Xacobeo e aos Camiños de Santiago a través da declaración institucional que acaban de aprobar demostrando que, con nobreza e boa vontade, é posible forxar espazos de consenso, superando as lexítimas diferenzas políticas que poidan separarnos”, enfatizou.
A importancia do Estado autonómico
Neste contexto, Núñez Feijóo destacou o papel dos parlamentos rexionais “para dotar a cada autonomía dun marco lexislativo e uns gobernos capaces de levar á práctica as reformas necesarias”. Así, lembrou que a España autonómica “foi o froito dun gran esforzo colectivo” equiparable na súa dificultade ao Camiño de Santiago. “O peregrino sabe que se enfronta a un reto complicado. Os cidadáns españois tivemos moi claro un obxectivo nos últimos 35 anos, o obxectivo de conseguir un país moderno e competitivo”, explicou.
Nesta liña, o xefe do Executivo galego resaltou a importancia que ha de ter o Estado autonómico “nun momento crucial neste camiño”, no que a “profunda” crise económica “debería servir como punto de inflexión para recuperar ese espírito de avance conxunto”.
“En termos de recursos públicos, nada volverá ser como antes -proseguiu Feijóo-. Todas as Comunidades Autónomas afrontamos o reto de ‘facer máis con menos’“. Así, avanzou a dificultade que entrañarán os próximos Presupuestos Generales del Estado, nos que “o papel dos parlamentarios adquirirá unha importancia vital que se debe concretar nun “esforzo sincero para achegar as necesarias doses de sentido común e non deixarse levar por absurdas diferenzas de curto percorrido”.
“Todo o empeño que poñamos agora en mirar un pouco máis lonxe do que adoitamos facer habitualmente, e contribuír a un debate verdadeiramente construtivo, merecerá a pena”, puntualizou.
Para concluír, o presidente da Xunta quixo lembrar o papel dos peregrinos chegados a Santiago durante os últimos séculos, que permitiron “ir forxando a Europa na que hoxe se enmarca a España Autonómica”.