“LUGO DE CARA AO MIÑO” ATOPA SENDOS INDICIOS DE ILEGALIDADE NA TRAMITACIÓN DO PROXECTO DA FÁBRICA DA LUZ E INSTA Á FISCALÍA A RECORRER O ARQUIVO DA CAUSA.
Lugo, a 05 de abril de 2017.– A plataforma “Lugo de Cara ao Miño” non se explica como o xulgado de instrución nº 1 de Lugo non atopou ningún comportamento delictivo nin ningunha irregularidade no expediente administrativo correspondente á peza do caso Pokemon relativa á adxudicación do proxecto hidroeléctrico da antiga Fábrica da Luz.
Esta plataforma vén de poñer en coñecemento do Fiscal Xefe de Lugo de sendos indicios de ilegalidade atopados por “Lugo de
Cara ao Miño” no expediente da Fábrica da Luz, para instalo a que recorra o arquivo da causa.
Tras un ano de intenso traballo na revisión de documentos relativos a este proxecto, a plataforma “Lugo de Cara ao Miño” trasladaralle á Fiscalía cando menos os seguintes 5 feitos que poderían conferir unha ilegalidade ou un comportamento delictivo e que atopamos dentro de todo o procedemento de tramitación da adxudicación e concesión da Fábrica da Luz:
Feito 1.– O goberno local de Lugo aprobou a contratación das obras da minicentral da fábrica da Luz antes de ter formalmente outorgada a concesión de augas para a súa explotación por parte da Confederación Hidrográfica do Norte (agora do Miño–Sil). Con data 18 de abril de 2007, a Xunta do goberno local, daquela presidida por Xosé Orozco e con Francisco Fdez. Liñares como tenente alcalde, aprobou a contratación do proxecto de execución das obras de recuperación e mantemento da minicentral “Fábrica da Luz”, pero non foi ata o 26 de outubro dese mesmo ano cando se produciu formalmente a transferencia ao Concello da concesión de augas que permitiría o aproveitamento hidroeléctrico da fábrica da Luz.
Desde a plataforma “Lugo de cara ao Miño” consideramos que non existían motivos lóxicos nin lexítimos para iniciar a licitación das obras da fábrica da luz antes de ter conquerida a concesión de augas, algo que non se tería que ter permitido e que, cando menos, non obedece ao proceder regulamentario dunha tramitación destas características.
Feito 2.– A solicitude do aumento do caudal de aproveitamento da fábrica da Luz de 7.000 l/s a 18.000 l/s por parte do Concello de Lugo (titular da concesión) prodúcese un ano despois de ter formalizado o contrato de adxudicación do proxecto hidroeléctrico coa empresa INCA, alegando unicamente motivos de rendibilidade económica. Deste xeito, o Concello de Lugo podería ter favorecido a empresa INCA con respecto ás demais entidades empresariais que participaron no concurso de adxudicación do proxecto de 2007, en cuxo prego de cláusulas económicas particulares non se contemplaba a posibilidade posterior de aumentar o caudal de aproveitamento por cuestións económicas. Por tanto, as demais empresas terían xogado en desvantaxe con respecto á empresa actualmente adxudicataria, xa que no prego do concurso se prevía menor capacidade de produción hidroeléctrica da fábrica da Luz e, por tanto, menor rendibilidade económica. Debemos de lembrar que pola lei de Contratos da Administración Pública, as condicións que se establezan nos pregos de concursos para as concesións de carácter público deben de ser iguais para todas as entidades interesadas no devandito concurso. Ademais, este proceder xéranos a seguinte dúbida: Se INCA sabía que a explotación da fábrica da Luz non lle ía ser rendible economicamente cun caudal de aproveitamento de 7.000 l/s, por que se presentou ao concurso?
Feito 3.– O contrato que, segundo o goberno local, está vixente entre o Concello de Lugo e a empresa adxudicataria INCA é o referido ao aproveitamento dun caudal de 7.000 l/s, non de 18.000 l/s. Este contrato foi formalizado en xuño de 2008 e nel establécense os criterios e condicións de aproveitamento hidroeléctrico da Fábrica da Luz para un caudal de aproveitamento de 7.000 l/s, incluído o canon que debe reverter no concello (5.468,96€ /ano), e non para unha explotación hidroeléctrica de 18.000 l/s, pola que case se triplica o volume de produción e, por tanto, tamén case triplicaría os beneficios da empresa adxudicataria.
Debemos resaltar que a Confederación Hidrográfica Miño–Sil autorizou o aumento do caudal de explotación no mes de