«Os riscos da gasolineira lucense de Carrefour son peores que os da estación coruñesa declarada ilegal polo TSXG»

Nota de prensa desde a plataforma «Lugo de cara ao Miño»: «Sobre a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anula a licenza que o goberno municipal da Coruña lle deu a Carrefour para a construción dunha gasolineira nas inmediacións do aparcadoiro comercial, porque consideramos que este fallo senta un precedente importante para o caso da gasolineira de Carrefour en Lugo, que ademais de ofrecer riscos graves para as persoas tamén os ofrece para o río Miño e os seus espazos protexidos».

OS RISCOS DA GASOLINEIRA LUCENSE DE CARREFOUR SON PEORES QUE OS DA ESTACIÓN CORUÑESA DECLARADA ILEGAL POLO TSXG

“Lugo de cara ao Miño” advirte que, ademais dos riscos de explosión dos tanques de combustible que se sitúan no soto do aparcadoiro de Carrefour de Lugo, existe o perigo dun potencial vertido de hidrocarburos ao río Miño e sobre un espazo natural protexido.
Lugo, a 21 de xaneiro de 2016. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ditar sentenza que anula a licenza de obra e ambiental que o concello da Coruña outorgou en 2014 ao centro comercial de Carrefour para a instalación dunha estación de servizo no aparcadoiro da área comercial que, ademais, obriga este fallo tirar abaixo.
Desde a plataforma “Lugo de cara ao Miño” consideramos que esta sentenza crea un precedente moi importante para situacións de risco similares ás avaliadas no caso coruñés.
Este fallo supón un “aviso a navegantes” para o caso particular da gasolineira xa instalada no aparcadoiro comercial de Carrefour en Lugo, a carón do río Miño, e que foi rexeitada no seu día por grande parte da poboación lucense a través da plataforma Miño SI, Gasolineira NON”.
Os argumentos que respaldan a sentenza do TSXG contra a gasolineira de Carrefour da Coruña fundaméntase esencialmente na envergadura das obras efectuadas para o espazo urbano afectado e nos riscos que unha instalación así pode acarrear para a seguridade das persoas que acuden a área comercial. Segundo o TSXG existe “un evidente risco de seguridade” derivado do almacenamento de 160.000 litros de materia inflamable no soto do aparcadoiro,
que ademais incumpre a normativa que prohibe o almacenamento de combustible de clase B e C no interior de edificacións.
Estes riscos potenciais atribuídos á estación de servizo do centro comercial da Coruña son totalmente trasladables á gasolineira que o concello local e a Xunta de Galicia permitiron construir nas inmediación de Carrefour en Lugo. Sen embargo, no caso lucense, os perigos son aínda maiores por canto a gasolineira se atopa a menos de 100 metros do río Miño e dun espazo fluvial protexido como Rede Natura 2000, Lugar de Interese Comunitario, Zona de Especial Conservación e núcleo da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Así pois, unha hipotética explosión do material almacenado (120.000 litros de combustible), non só provocaría danos de extrema gravidade para as persoas, senón tamén para o río Miño e para un espazo natural especialmente protexido, sobre os que recaeirían os vertidos de
hidrocarburos que se poidesen derivar.
Ante este fallo do TSXG, “Lugo de cara ao Miño” agarda que tanto o concello de Lugo como a Xunta de Galicia reconsideren o perigo que gasolineira lucense de Carrefour ofrece para as veciñas e veciños de Lugo e tamén para o río Miño, obrigando a retirar ditas instalacións.
Ao mesmo tempo, esta plataforma agarda que o procedemento xudicial que actualmente está aberto contra a gasolineira de Carrefour de Lugo no Xulgado contencioso administrativo Nº 2a instancias dun veciño particular, falle no mesmo sentido que a setenza do TSXG, dadas as similares características técnicas e de risco de ambos os dous casos.

¿Y tú qué opinas de esto?