Sogama e o Centro Cultural Deportivo Cerceda suscriben un novo convenio de colaboración para a tempada 2015-2016-
lunes, 18 enero 2016, 15:05, por
…
•O presidente da empresa pública, Javier Domínguez Lino, e o presidente do club, José Antonio Silveira Sánchez, formalizaron esta mesma mañá, na sede da primeira, un acordo a través do cal as partes evidencian, unha vez máis, o seu compromiso coa vida saudable e a protección do medio ambiente.
•Se ben o público obxectivo das distintas accións contempladas no convenio de referencia compoñerano fundamentalmente os usuarios do Centro Cultural e Deportivo Cerceda, tanto xogadores como seguidores, resulta evidente que as actividades a desenvolver terán eco no conxunto da veciñanza do municipio.
Cerceda, a 18 de xaneiro de 2016.– O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, e o presidente do Centro Cultural e Deportivo Cerceda, José Antonio Silveira Sánchez, formalizaron esta mesma mañá, na sede da empresa pública, un novo convenio de colaboración a través do cal esta, por razóns de boa veciñanza, seguirá prestando o seu apoio ao Club, prevendo levar a cabo, no marco do mesmo, unha tarefa divulgativa en torno ao proceso de xestión dos residuos urbanos que lidera en Galicia.
De feito, e de cara a mellorar o seu cometido, a compañía procederá á ampliación da súa infraestrutura industrial, sita na localidade coruñesa de Cerceda. Isto permitiralle incrementar a capacidade de tratamento do complexo medioambiental, que pasará das 550.000 toneladas anuais a un mínimo de 700.000, propiciando desta forma un incremento dos niveis de reciclaxe e unha diminución do vertido nun 30 por cento. Desta forma, ao vertedoiro de Areosa desviaranse, única e exclusivamente, aqueles refugallos que, dadas as súas características, non se poidan reciclar nin valorizar enerxeticamente. O vertido cero eríxese, en todo caso, no obxectivo final.
Porque a filosofía empresarial da entidade pública, de acordo coa normativa vixente na materia, susténtase na aplicación prioritaria do principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), que complementa coa recuperación enerxética da parte non reciclable. De feito, a electricidade producida nas súas instalacións equivale á consumida polo 11 por cento dos fogares galegos.
FIRME APOSTA POLA EDUCACIÓN AMBIENTAL
Coa sinatura deste acordo, Sogama quere evidenciar, unha vez máis, o seu respaldo a todas aquelas actividades que promovan hábitos de vida saudables e respectuosos coa contorna natural, compatibilizando o crecemento económico coa protección ambiental e a cohesión social.
Se ben o público obxectivo desta colaboración compoñerano fundamentalmente os usuarios do Centro Cultural e Deportivo Cerceda, tanto xogadores como seguidores, as accións a desenvolver terán eco no conxunto da veciñanza do municipio. Neste sentido, a previsión é levar a cabo, entre outras, actividades promotoras da recollida selectiva, instando aos cidadáns a separar os seus residuos en orixe e a depositalos nos contedores axeitados para facilitar o seu posterior reciclado.
Neste escenario, potenciarase o comportamento ambiental exemplar dos xogadores, os directivos e o resto do persoal do club como modelo a seguir pola cidadanía en xeral.