CONTAMINACIÓN
RÍA DO BURGO
As conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, reuníronse esta tarde cos representantes da Confraría da Coruña
A Xunta e o sector marisqueiro acordan facer fronte común para detectar a orixe da contaminación da ría da Coruña
Santiago, 9 de marzo de 2015.- A Xunta de Galicia e os representantes do sector marisqueiro da Confraría da Coruña acordaron hoxe facer fronte común para detectar o antes posible a orixe da contaminación rexistrada estes días nas augas da ría da Coruña, que provocou o seu peche cautelar. Así se decidiu na xuntanza que esta tarde mantiveron en Santiago as conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, cos responsables da Confraría de Pescadores da Coruña.
Na reunión, na que tamén participaron o director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira; o secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito; a directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, Covadonga Salgado, e o subdirector do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, a Xunta reiteroulle aos profesionais a súa preocupación por esta situación e comprometeuse a seguilos informando puntualmente dos avances que se rexistren na procura do foco de contaminación e para determinar as responsabilidades que procedan.
Peche cautelar do marisqueo
Neste sentido, hai que lembrar que o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, Intecmar, emitiu esta mañá unha resolución na que se determinou o peche cautelar ao marisqueo na ría herculina tras detectar niveis elevados de hidrocarburos nas mostras realizadas en distintas áreas do litoral coruñés.
O Intecmar contactou o sábado cos representantes da Confraría da Coruña para darlle traslado dos resultados e advertilos con antelación de que hoxe se ía pechar a ría e, polo tanto, non saisen xa a faenar.
Hai que lembrar que en setembro de 2012 a Comisión Europea modificou os niveis máximos legais de hidrocarburos en mostras de moluscos reducíndoos á metade, sendo polo tanto máis restritivos dende entón.
Tendo en conta que no ano 2014 se detectaron picos estacionais con valores elevados en hidrocarburos, a Xunta establecera xa un grupo de traballo entre as distintas administracións con competencias na zona e na materia e que xa se tiña reunido para valorar o asunto.
A Xunta, que está a realizar máis análises e a investigar a orixe do problema, púxose a disposición do sector para poñer todos os seus medios e así axilizar a recollida de mostras co obxectivo de facilitar o regreso á actividade canto antes.