OBRAS EN O MORRAZO
A medida suporá unha alternativa provisional mentres duren os traballos de reforzo do noiro, que se contratarán a vindeira semana
A Xunta establecerá a partir do sábado as medidas de tráfico necesarias para facer compatible o acceso a Cangas dende o p.q.12 do corredor coas obras de estabilización do noiro
- Habilitarase o dobre sentido no ramal de entrada ao corredor do Morrazo no pk12 (dirección Vigo) para permitir tamén o acceso ao centro de Cangas
- Os cambios, que estarán convenientemente sinalizados, obrigarán a cortar uns 600 metros do tronco principal do corredor, por motivos de seguridade. A circulación canalizarase a través do referido ramal
- A Axencia Galega de Infraestruturas está a ultimar o proxecto de reparación e sostemento do noiro afectado polo derrube, que se contratará a vindeira semana polo procedemento de emerxencia
- A contratación das obras terá lugar en breve polo procedemento de emerxencia, e suporán un investimento aproximado de 850.000 euros
- A Xunta pechou ao tráfico o ramal de saída a Cangas (marxe dereita) dende o Corredor do Morrazo o pasado 4 de marzo, por mor dun desprendemento rexistrado no punto quilométrico 12+000
Santiago, 19 de marzo de 2014.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas habilitará dende o sábado o dobre sentido no ramal de entrada ao corredor do Morrazo no pk12 (dirección Rande) para permitir tamén o acceso a Cangas, co obxectivo de que supoña unha alternativa provisional mentres duren os traballos de estabilización do noiro no ramal da marxe dereita, afectado por un desprendemento.
A habilitación do dobre sentido comezará o sábado e estará convenientemente sinalizada. Esta medida obrigará a cortar uns 600 metros do tronco principal do corredor, por motivos de seguridade. A circulación canalizarase a través do referido ramal con dobre sentido de circulación.
As obras de estabilización do noiro van durar un mínimo de catro meses. A Axencia Galega de Infraestruturas está a ultimar o proxecto de reparación e sostemento do noiro afectado polo derrube. A contratación das obras terá lugar en breve polo procedemento de emerxencia, e terán un custe aproximado de 850.000 euros.
Antecedentes
A Xunta pechou ao tráfico o ramal de saída a Cangas (marxe dereita) dende o Corredor do Morrazo o pasado 4 de marzo, por mor dun desprendemento rexistrado ese mesmo día. Á altura do punto quilométrico 12+000 da CG 4.1, observouse risco de deslizamento do noiro no desmonte do ramal, polo que os técnicos estableceron como medida preventiva pechar o mesmo. Posteriormente, producíase un desprendemento neste punto.
Os técnicos da Xunta de Galicia xunto cos xeólogos levaron a cabo unha inspección polo miúdo do noiro co obxectivo de analizar as medidas a adoptar, e posteriormente redactaron o proxecto de reparación do noiro.
Como consecuencia do desprendemento, os usuarios que desexen acceder a Cangas deben continuar ata a saída do punto quilométrico 15+000 do Corredor do Morrazo, o que supón un percorrido a maiores de tres quilómetros aproximadamente.