Acéptanse ‘bitcoins’ como forma de pago
jueves, 03 octubre 2013, por Universidade de Vigo
Rosa Tedín | Ourense“A longo prazo vai ser un cambio na economía. Non vai a substituír ao dólar ou ao euro, pois ese non é o seu obxectivo, pero vai ser unha alternativa para transaccións a outros países, para microtransaccións e para outras operacións nas que interesa axilizar e eliminar as barreiras que existen para os pagos convencionais”.
Deste xeito resume o informático Abraham Otero a relevancia que ten na súa opinión a aparición das bitcoins, unha moeda virtual e dixital, como forma de pago ao marxe do diñeiro tradicional, dos propios gobernos e dos sistema económico establecido.
Otero, profesor na Universidade San Pablo CEU de Madrid, foi convidado polo Grupo MILE, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, a ofrecer unha conferencia-coloquio no campus de Ourense no marco do Foro La Región. O obxectivo desta intervención, presentada por Xosé Antón Vila Sobrino, director do CITI, é explicar aos asistentes o funcionamento desta moeda dixital, os motivos da súa creación, os seus detalles técnicos e as súas implicacións sociais, éticas e legais.
“Bitcoins é unha moeda que hoxe en día xa se pode empregar nos miles de sitios webs e negocios físicos de diferentes partes do mundo que a aceptan como forma de pago. Calcúlase que a riqueza en bitcoins ascende na actualidade a 2000 millóns de dólares, estando o cambio en arredor dun bitcoin por algo máis dun euro, aínda que a variación é grande. Cada día móvense uns dez millóns de dólares con esta moeda”, comenta o docente.
O valor é unha cuestión de confianza Esta moeda dixital diferenciase da tradicional, apunta, porque non ten unha presenza física, senón que se basea nun software e nun programa en código aberto, e porque non está abalada por ningún organismo oficial centralizado, como é o goberno dos EEUU no caso do dólar ou o Banco Central Europeo no caso do euro. “Só está apoiada por unha rede de usuarios de Internet. e como con calquera moeda física o seu valor depende da confianza depositada nela. A riqueza é riqueza porque todos estamos de acordo en considerar a ese algo riqueza, senón non o sería. Pero acontece coas bitcoins, co ouro, co euro e con calquera moeda”, aclara.
As bitcoins pódense adquirir nun mercado de divisas virtual ou mercándollas a un vendedor delas. Créanse 25 cada dez minutos coa resolución dun problema matemático, cunha a taxa de creación constante que imita o funcionamento dos recursos naturais.
Como se dunha mina de ouro se tratase, salienta, o sistema pasou de producir máis moedas ao principio a ir pouco a pouco reducindo a súa produción. “Cando se chegue aos 21 millóns de bitcoins deixaranse de xerar, deixarase de xerar riqueza para pasar a usarse a moeda só para o intercambio”, destaca este ourensán que colabora no proxecto bitcoins a través da súa difusión.
Poñendo exemplos reais de países nos que a hiperinflacción fixo que as súas moedas colapsasen, Abraham Otero destaca que no caso das moedas virtuais esta situación non se pode producir grazas a este sistema. Entre os motivos para animar á xente a empregar esta forma de pago, destaca, están as razóns prácticas, como que non pode haber confiscacion de contas ou que non hai pago de impostos por transaccións, e razóns de índole máis xeral, como o feito de que o estado non intervén. Non interveñen pero, aclara, xa comezan a lexislar neste tema, contemplando incluso en Alemaña o pago de impostos con esta moeda dixital. “Se non queres riscos non é recomendable, porque o cambio da moeda é aínda moi variable pero é moi útil para determinado tipo de operacións”, sinala.