ALIMENTOS LÁCTEOS
Concentráronse esta mañá ante o edificio do IGAPE para exixir da administración que garanta o financiamento comprometido para garantir a continuidade da factoría
O persoal de Alimentos Lácteos reclama en Xesgalicia unha solución inmediata porque “entramos en tempo de desconto”
Compostela, 8 de maio de 2013.- No prazo dun mes, se a Xunta non garante a liquidez necesaria para reiniciar a actividade, Alimentos Lácteos entrará en concurso de acredores. En xogo están os ingresos de 81 familias que dependen directamente do salario que reciben da factoría e doutras 2.500, entre produtores, cooperativas e transportistas que vinculan a súa actividade á empresa. A isto engádense as consecuencias económicas que terá para Outeiro de Rei e a súa zona de influencia. Fronte a isto, a única resposta da administración é que está a facer un traballo silencioso. Tanto que se descoñece en que consiste ou se dará froitos.
“Entramos no tempo de desconto”, explicaba Christian López Carmona, secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo na concentración que esta mañá protagonizaban as traballadoras se traballadores de Alimentos Lácteos diante de Xesgalicia. Unha nova concentración convocada para exixir a inmediata resposta dunha administración da que só se sabe que está facendo un traballo silencioso. “É tan silencioso que non sabemos nada do que están facendo a Xunta e os responsábeis do PP neste momento”.
López Carmona considera que, se se estivera a dar ese traballo silencioso tería que comezar a dar algún froito “claro e contundente” para garantir unha saída. Porén, denuncia que seguen pasando os días e malia ter comunicado a súa presenza esta mañá en Compostela para que se lles facilitara unha entrevista “seguen a rexeitar calquera tipo de contacto tanto desde Xesgalicia como do IGAPE, o propio conselleiro de Industria ou o presidente da Xunta”.
O secretario da FGAMT-CIG de Lugo lembra que foi no edifico do IGAPE onde se celebrou a primeira xuntanza para analizar a situación económica pola que atravesaba Alimentos Lácteos, onde se lles dixo que para superala precisábase un ERE e onde se lles foron requirindo unha e outra vez novos compromisos sen que se conseguiran os obxectivos marcados. “Temos data de caducidade”, alerta López Carmona, “ao final de mes entramos en concurso de acredores e do punto de vista legal non hai outra solución”.
Co compromiso dos produtores e cooperativas de leite, co plan de negocio e viabilidade presentado, co socio industrial á espera e co persoal en vilo porque automaticamente van á rúa, só resta que Xesgalicia garanta o financiamento para contar coa liquidez necesaria para retomar a actividade. “Nesa situación é na que estamos porque ese compromiso existía. Cada quen cumpriu a súa parte agás estes, que parece que se volven para atrás e non se sabe que van facer”,asegura López Carmona quen adianta que, ante esta situación “volveremos todas as veces que faga falta”.
Confederación Intersindical Galega
————————————-
LAS MEJORES OFERTAS
PUEDES VERLAS AQUÍ