REPULSA CIG
A CIG manifesta a súa repulsa ante as medidas decretadas polo Consello de Ministros
Compostela, 15 de marzo de 2013.- A CIG manifesta o seu máis absoluto rexeitamento ás medidas anunciadas hoxe tras do Consello de Ministros. O secretario xeral , Suso Seixo, cuestiona un decreto que promove a permanencia no posto de traballo e o atraso da idade de xubilación, mentres a mocidade ten grandes dificultades para conseguir un emprego e se está a producir unha nova vaga migratoria. Considera especialmente alarmante a pretensión de deixar sen subsidio aos maiores de 55 anos e anuncia que o vindeiro luns reunirase o Secretariado Confederal para analizar, tanto estas medidas, como as que adoptará a central sindical ante esta nova agresión á clase traballadora.
O Consello de Ministros vén de aprobar un Real Decreto Lei baixo o pomposo nome de RD para favorecer a continuidade da vida laboral dos traballadores de maior idade e promover o envellecemento activo. Un conxunto de medidas que impón o goberno de Mariano Rajoy, máis unha vez, eludindo o trámite parlamentario e que “supoñen un novo ataque aos dereitos da clase traballadora e, sobre todo, aos dereitos dos sectores máis desfavorecidos. Os que con máis dureza están sufrindo as consecuencias da crise económica”, denuncia o secretario xeral da CIG, Suso Seixo.
Considera que as medidas recollidas neste RD seguen a liña das xa adoptadas e inciden nos mesmos argumentos utilizados para xustificar as sucesivas reformas laborais: a sostibilidade do sistema do sistema de pensións.
Lembra que a CIG ten denunciado, de forma reiterada, que o problema da sostibilidade do sistema “vén derivado da falta de cotizantes, que é o que xenera as debilidades do propio sistema” e asegura que “se tiveran unha política de creación de emprego adecuada o sistema no tería problema ningún”.
O secretario xeral da CIG denuncia ademais as medias verdades ás que recorren para xustificar estas medidas, como os perigos derivados do envellecemento da poboación, por mor da menor natalidade, e a maior esperanza de vida. Circunstancias que serían as que porían en cuestión esa sostibilidade ao incrementar o peso das pensións no PIB en 3,6 puntos, segundo se recolle no documento difundido tras da rolda de prensa. Porén, subliña, “non aclaran que iso se refire aos próximos 50 anos e toman como referencia o PIB actual, cando este tamén se vai incrementar durante eses 50 anos”.
Por iso considera que habería que ir a 50 anos atrás para ver en canto se incrementou o PIB e a porcentaxe que representaban daquela as pensións “que é moi probábel que sexa por riba dos 3,6 puntos, pero non levou a quebra ao sistema”. Insiste en que “é un dato que aparece illado e que non aporta nada” e denuncia que a pretensión do goberno é, novamente, “derivar a aqueles que teñen capacidade de aforro aos sistemas privados de pensións”.
Atraso da xubilación, desemprego da mocidade
Para Suso Seixo é especialmente preocupante que “nunha situación na que hai grande dificultade de acceso ao mercado laboral por parte da xente nova, cando no noso país estamos de novo asistindo a un proceso de emigración realmente importante, estes señores, en vez de facer unha política de creación de emprego, poñan en marcha medidas para facilitar a permanencia no posto de traballo das persoas que chegan á idade de xubilación, o que vai dificultar aínda máis o acceso de mozos/as ao emprego”.
Lembra que isto vai acompañado, ao tempo, de anuncios de plans de emprego xuvenil “moi bonificados” para promover a inserción laboral da mocidade, “nun momento no que se están a crear moi poucos postos de traballo novos e nunhas condicións tremendamente precarias”.
Para o secretario xeral da CIG tamén son preocupantes as medidas dirixidas a dificultar o acceso a unha xubilación anticipada ou á xubilación parcial. “Atrásase a idade á que podes acollerte a eses dereitos e polo tanto vai polo mesmo camiño das reformas anteriores”.
Maiores de 55 anos sen subsidio
Con todo, para Seixo é “especialmente alarmante” o intento de dificultar o acceso ao subsidio de desemprego aos maiores de 55 anos. “É un colectivo especialmente sensíbel porque neste momento é o que corre máis perigo de perder o seu posto de traballo e o que ten máis dificultades para acceder de novo ao mercado laboral”.
Por iso entende que é dunha “enorme hipocrisía” que se xustifique esta medida so pretexto de que o goberno fará especiais esforzos por pór en marcha políticas activas dirixidas a este colectivo. “É un insulto á intelixencia. Afortunadamente a maioría da poboación non pode crer este tipo de tonterías”.
Do mesmo xeito denuncia que se precarizan as condicións familiares ao facer depender o subsidio dos ingresos das persoas que convivan na unidade familiar. “O PP parte da base de que non son dereitos do traballador senón concesións do estado aos traballadores cando quedan no desemprego, cando iso non é así, é un dereito que teñen en función de que durante os anos que estiveron traballando cotizaron, entre outras cousas, tamén para o desemprego”.
Denuncia, ante isto, que se trata dunha medida como a de reducir a un 50% a prestación por desemprego ás persoas desempregadas que leven máis de 6 meses no paro, ou a de pór dificultades para acceder á axuda de 426 € ás persoas que quedaron sen ningún tipo de prestación. “Pretenden castigar e cebarse cun dos colectivos que máis axuda e apoio precisa nestes momentos e seguir responsabilizando da actual situación ás traballadoras e traballadores, que son quen máis están padecendo as consecuencias da crise”.
Considera que estas políticas evidencian “a mentalidade profundamente elitista e clasista que teñen” e pon en cuestión a súa lexitimidade para levalas adiante“precisamente un partido no que os seus dirixentes estiveron cobrando sobresoldos en negro, pero lles parece moito que cobren o subsidio as persoas maiores de 55 anos”.
Confederación Intersindical Galega