DENUNCIA ADEGA
26 de novembro de 2012. O capital das transnacionais acuícolas e os seus testaferros políticos, encabezados polo ministro Cañete e a conselleira Quintana, tentan conquerir que na nova PPC (Política Pesqueira Común) volva a ser subvencionábel a acuicultura industrial. Cómpre lembrar que na actual PPC as macropiscifatorías non reciben fundos comunitarios, que van ao fomento da acuicultura tradicional, o marisqueo e a pesca de baixura. ADEGA quere alertar ao sector pesqueiro e marisqueiro galego dos riscos dun modelo -a macroacuicultura industrial- moi cativo na xeración de emprego e con graves impactos nos ecosistemas litorais. A comisaria de Pesca Sra. Damanaki debería informarse polo seu colega Sr. Potocnik do que significa a Rede Natura 2000 e do que a Directiva 92/43CEE (de hábitats) di sobre os aproveitamentos compatíbeis/incompatíbeis. Dende cando desfacer hábitats protexidos é compatíbel coa súa conservación?
A comisaria de pesca Sra. Damanaki debería saber, denantes de avogar por construir piscifatorías na Rede Natura, que os pensos dos peixes de granxa (maioritariamente carnívoros como o salmón ou rodabllo) conteñen proteínas doutros peixes extraídos polos grandes arrastreiros-fatoría en todos os mares do mundo, polo que non son unha alternativa á sobrepesca: son unha causa! Por outra banda, a Sra. Damanaki non debería ignorar, como enxeneira química que é, que os metais pesados están presentes tanto nos pensos (Zn, Cu, Cd, Fe, Mn, Co, Ni, Pb, Mg, Se e Hg) como nos aditivos (produtos terapéuticos, antifúnxicos, plaguicidas, produtos antifouling, que achegan Zn, Pb, Cd e Cu) profusamente usados nas granxas acuícolas, tal como apontan numerosos estudos.
Polo que atinxe aos políticos autóctonos, Feijóo, Hernández e Quintana deberan saber que a protección dos espazos e dos hábitats naturais consagrada pola Rede Natura non é un luxo superfluo do que prescindir en tempos de crise, senón un recurso fundamental para asegurar a calidade de vida da poboación. Os espazos protexidos teñen tamén a consideración legal de utilidade pública e resulta indigno que o negocio privado, -sexa a acuicultura, a minaría, a enerxía ou o urbanismo-, poida prevalecer por riba da utilidade pública da biodiversidade, imprescindíbel para garantir a saúde ambiental e cidadá.
Así o establece a actual lexislación europea e estatal (Directiva 92/43/CEE e Lei 42/2007) sobre a Rede Natura ao dispoñer que “En caso de que o lugar considerado albergue un tipo de hábitat natural e/ou unha especie prioritaria, unicamente se poderán alegar as seguintes consideracións: as relacionadas coa saúde humana e a seguridade e a seguridade pública; as relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o medio ambiente; ou outras razóns imperiosas de interese público de primeira orde, previa consulta á Comisión Europea.” Por iso, resulta sorprendente que uns responsábeis públicos fagan apoloxía do incumprimento destas leis aprobando instrumentos que como o POL, o Plano Director da Rede Natura ou o Plano Director de Acuicultura, ou mesmo teren declarado «de interese público de primeira orde» esta actividade para «pontear» normas de rango superior.