PRECIOS DE MEDICAMENTOS
CCOO denuncia a escandalosa suba do 15,8% nos prezos de medicamentos e produtos farmacéuticos
martes, 14 agosto 2012, 14:42, por Comisiones Obreras (CCOO) de Galicia
ECONOMÍA | LABORAL A baixada do IPC en xullo en cinco décimas non compensa a perdida de poder adquisitivo dos traballadores en Galicia O sindicato sinala que a escandalosa suba do 15,8% nos prezos de medicamentos e produtos farmacéuticos neutraliza a conxuntural baixada de prezos de vestido e calzado das rebaixas de verán.
14-08-2012.- A baixada nos prezos producida en xullo, que sitúa a taxa interanual do IPC no 2% en Galicia non palía a diminución na capacidade adquisitiva dos traballadores, xa que a media de subida salarial pactada en convenio colectivo para 2012 até a data non alcanza ese 2%, nin no estado (1,7% e 0,85% para os convenios asinados durante 2012), nin en Galicia (1,52% en convenios de empresa e 1,05% en convenios estatais de aplicación en Galicia).
Para CCOO de Galicia esta é outra das maneiras nas que os traballadores pagan a crise da que non son responsables, non podendo facer fronte co seu salario o que están a subir os prezos en 2012, a pesar de que en xullo baixasen. Esta situación faise máis difícil co impacto que ten nos prezos a inminente suba do IVE, e os cambios na normativa de financiamento de medicamentos, que supoñen un maior impacto nas persoas nas que se está cebando a crise: pensionistas, desempregados, traballadores con salarios conxelados ou reducidos.
CCOO denuncia que no caso de Galicia, o incremento dos prezos dos medicamentos nun 15,8% é responsabilidade do Goberno da Xunta que se entusiasma na aplicación das peores receitas económicas e sociais do goberno de Mariano Rajoy, coma se dunha simple Delegación do Goberno tratásese. A xuízo de CCOO, Núñez Feijoo debería preocuparse ao fin da cidadanía galega máis afectada pola crise con medidas que palíen a súa difícil situación, en lugar de facer cálculos electoralistas de redución do número de deputados do Parlamento de Galicia e de ver que data vénlle mellor para convocar as eleccións.
Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2012