POLÉMICA CAMPAñA
Os populares urxen ao PSdeG a facer unha rectificación expresa da campaña iniciada por Xuventudes Socialistas ou estarán avalando co seu silencio este tipo de medidas
O PPdeG esixe a retirada inmediata da campaña do PSOE galego na que vincula aos populares con Hitler
- Entenderá un non pronunciamento por parte de Vázquez, Blanco e Rubalcaba para desacreditar a campaña de Xuventudes como a clara confirmación de que todos eles asumen as comparacións que efectúa a súa canteira política
- Este triste episodio por parte dos socialistas incorpórase aos insultos proferidos por Miguel Cortizo, contra os populares e ás declaracións do ministro de Presidencia, Ramón Jáuregui
- Os populares consideran que nin sequera o medo a un batacazo electoral histórico pode xustificar este tipo de actitudes
Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2011.- O Partido Popular de Galicia esixe a retirada inmediata da campaña das Xuventudes Socialistas do PSOE na que vinculan á formación dos populares con Hitler.
Segundo os populares galegos, o cartel de Xuventudes para o ámbito da educación demostra o tipo de campaña electoral que quere facer o Partido Socialista, que levou ata o extremo a agresividade da mesma.
Para o Partido Popular de Galicia, este tipo de decisións desvirtúan a vida política e representan unha vergoña para esta campaña electoral. Do mesmo xeito, empeora e moito a campaña do dóberman que fixeron en 1996.
Se ben é certo que estas actuacións por parte dos socialistas representan unha bendición para os populares no que atinxe ás expectativas electorais, tamén o é que son unha auténtica desgraza para a vida política.
O PSOE segue empeñado en crear confrontacións, división e crispación, pero os populares non entrarán nese tipo de trifulcas, posto que os seus intereses están cos dos cidadáns, co emprego e co benestar dos españois. Lamentablemente, os do PSOE parecen estar moi lonxe.
Por outra banda, os populares entenderán un non pronunciamento nesta campaña por parte de Manuel Vázquez, José Blanco e Alfredo Pérez Rubalcaba para desacreditar a campaña de Xuventudes como a clara confirmación de que todos eles asumen as comparacións que efectúa a súa canteira política.
Este triste episodio por parte dos socialistas incorpórase aos insultos proferidos polo ex delegado do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo, que chamou “cabrón e mesquiños” aos populares e ás declaracións do ministro de Presidencia, Ramón Jáuregui, asegurando que Rubalcaba “é o mellor para facer irreversible a paz”.
Despois de fracasar no debate do pasado luns, os socialistas van á desesperada para mobilizar a non se sabe qué tipo de votantes. Non obstante, os populares consideran que nin sequera o medo a un batacazo electoral histórico pode xustificar este tipo de actitudes.