A normativa é clara: a tempada de caza do raposo, segundo a orde de vedas 2010-2011, remata o 6 de febreiro. Pódese, excepcionalmente, solicitar a realización de “ganchos” en zonas concretas dos Tecores, pero só aprobaranse tras unha exhaustiva verificación por parte da Consellería de Medio Rural, das causas (xeralmente danos) polas que se solicitaron.
Outra cousa é solicitar un «campeonato social»?? de caza do raposo, ilegal fóra da tempada de caza, cuxo único obxectivo é matar o maior número de exemplares posíbel, sen tentar sequera camuflalo como unha actividade de regulación e que a administración o autorice! Precisamente este feito, a aprobación por parte da delegación de Medio Rural en Lugo deste «evento social» sinala ben ás claras cal é a política da actual Xunta a respeito da conservación da nosa fauna: a de deixar facer, deixar pasar, todo o que propoñan os cazadores máis cavernícolas.
ADEGA esixe á consellaría do Medio Rural que ao parecer xa abreu unha investigación, non só que impoña unha sanción exemplar aos infractores, senón que depure as súas propias responsabilidades neste vergoñento caso. Xa deixamos por imposíbel que na Orde de Vedas da tempada 2011-2011 a Xunta elimine a bárbara práctica dos «campionatos de caza», que fai de Galiza o territorio con maior permisividade do estado, último reduto das prácticas cinexéticas máis irracionais e insustentábeis.
