POLÍTICA LINGÜÍSTICA LEVARÁ MÁIS DE 700 ACTIVIDADES POR TODA GALICIA PARA PROMOVER O USO DO GALEGO ENTRE OS MÁIS NOVOS
Política Lingüística llevará más de 700 actividades por toda Galicia para promover el uso del gallego entre los más jóvenes. El programa se llama Bocaberta 2010-2011 y está dirigido a niños y jóvenes de entre 3 y 18 años de los 315 concejos.
- Farao a través do programa Bocaberta 2010-2011, que foi presentado hoxe en Santiago de Compostela polo secretario xeral Anxo Lorenzo
- Catorce entidades participan nesta iniciativa, que inclúe actividades de maxia, música, teatro, banda deseñada, oralidade e escrita creativa dirixidas a rapaces de entre 3 e 18 anos dos 315 concellos
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2010.- Máis de 700 actividades, repartidas por toda Galicia e dirixidas a rapaces e rapazas dos 3 aos 18 anos, integran este ano o programa Bocaberta, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística avanzou hoxe en Santiago de Compostela.
O responsable deste departamento da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Anxo Lorenzo, presentou esta mañá a iniciativa, en presenza de representantes das 14 entidades que participan en Bocaberta 2010-2011, entre as que se atopan editoriais, discográficas, empresas de dinamización propiamente dita e artistas. Entre os asistentes tamén se encontraba o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López.
O secretario xeral agradeceu “a dedicación e os esforzos” de todas as entidades que participan en Bocaberta, así como a colaboración no programa da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura e da Secretaría Xeral de Medios. Neste sentido, Anxo Lorenzo incidiu en que, “dalgún xeito”, a participación de todas estas entidades no programa Bocaberta é un reflexo do que aspiramos a conseguir na sociedade: o traballo ilusionado e conxunto de actores ben diversos a prol dun obxectivo común: o presente e o futuro do galego, a lingua que nos une a todos”.
Durante a súa intervención, Anxo Lorenzo tamén afirmou que “Bocaberta 2010-2011 trae consigo un renovado interese da Secretaría Xeral de Política Lingüística por traballar man a man cos axentes dinamizadores do ámbito local, nomeadamente os técnicos de normalización lingüística dos concellos”; un camiño de colaboración “acorde con outras vías de actuación da secretaría, como a recente creación da Rede de Dinamización Lingüística para este ámbito”, engadiu Anxo Lorenzo.
Unha ampla tipoloxía de actividades
A natureza das actividades de Bocaberta 2010-2011 responde aos intereses dos nenos e dos mozos e cobre un amplo abano de tipoloxías. As dirixidas aos adolescentes están relacionadas coa música pop, coa literatura fantástica, coas tecnoloxías da información e da comunicación ou coa banda deseñada. Para os máis pequenos, o programa Bocaberta ten música, teatro, monicreques e maxia.
Algunhas destas accións xiran arredor da música pop, como os concertos do grupo Azou, de nova creación, que irán precedidos de cadanseu obradoiro de hip hop. Detrás da canción é outro obradoiro, organizado en colaboración con Eme2, que está destinado a aprenderlles aos mozos como crear, gravar e difundir música en galego cos recursos que ofrecen as tecnoloxías da información e da comunicación. Cada un dos talleres programados para Detrás da canción, a cargo de Projecto Mourente, irá seguido dun concerto do grupo The Homens.
Se as iniciativas anteriormente sinaladas se dirixen a un público adolescente, outras actividades musicais están pensadas para os máis cativos. É o caso dos concertos do grupo Mamá Cabra, organizados xunto coa editorial Galaxia, e da actividade En clave de conto, de OQO editora, que levará a cabo un divertido musical. Estes dous eventos irán acompañados de obradoiros para nenos e as súas familias nos que se requirirá a participación activa dos asistentes.
A estas actividades musicais súmase o obradoiro de xogos e cancións Canta música!, que a secretaría xeral levará adiante con Pablo Díaz.
Os mundos da maxia e da banda deseñada
A banda deseñada, elemento de interese dentro da cultura xuvenil, centra o obradoiro Ti creas a historia, impartido por Anxo Fariña, e as accións arredor da revista Galimatías (publicada por El Patito Editorial), que inclúen a propia difusión da revista, o web a ela asociado e os obradoiros impartidos por Fran Bueno.
Outras propostas xiran arredor da maxia. Son Atrapados na torre, de Everest, Contos de maxia, de Xerais, e Abrapalabra, de Galaxia.
Obradoiros de oralidade e de escrita creativa
Co fin de fomentar a expresión en galego, programouse a actividade Palabras no ar, na que colabora a editorial Kalandraka. Consta de obradoiros de oralidade, de escrita creativa e de gráfica creativa e mais dun web e de diversas emisións radiofónicas que permitirán difundir o froito do traballo neles realizado. A fomentar a expresión oral en galego tamén se dirixe o obradoiro de teatro e o recital de poesía programados da man da editorial Tambre na actividade Señor mundo, dígame? Os monicreques de Cachirulo representarán El-rei Artur e a abominable dama na actividade Vive os contos.
Tamén será posible participar, no marco do programa Bocaberta, nunha xincana que terá continuidade a través das actividades en liña dun web especialmente creado para a ocasión. Nesta actividade, Política Lingüística irá da man da editorial Rodeira e da empresa de servizos lingüísticos Reverso.
En total, 747 accións que a Secretaría Xeral de Política Lingüística levará por todos os concellos de Galicia e coas que ten previsto chegar a máis de medio millón de rapaces e rapazas entre este mes de outubro e maio de 2011.
Promover o uso do galego entre as franxas de idade máis novas
A través do programa Bocaberta, a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca crear espazos de uso e aprendizaxe do galego ligados ao lecer, á modernidade e aos intereses dos nenos e dos mozos para promover unha imaxe positiva do idioma e sensibilizar sobre a utilidade e o valor da lingua propia de Galicia.