«A XUNTA ESCENIFICA UNHA FUXIDA CARA ADIANTE E NON QUERE AFRONTAR OS PROBLEMAS CRIADOS POLO ENCORO DE CALDAS», DICE ADEGA TRAS LA REUNIÓN CON EL PRESIDENTE DE AUGAS DE GALICIA
Comunicado de Adega
O sr. Menéndez debruzou unha serie de medidas, que suporán cuantiosos investimentos públicos e que a xuízo de ADEGA e dos afectados, non solucionarán definitivamente o problema. Propuxo realizar novas captacións de abastecemento para non depender directamente da auga do Umia; o reforzamento dos sistemas de depuración nas ETAT, a modificación da regulamentación de caudais do encoro ou outras medidas (non concretadas) para reducir os teores de fosfatos e nitratos no río, indutores da eutrofización.
Dende ADEGA, celebramos que a administración recoñeza cando menos implicitamente como reflicten estas propostas, a existencia dun grave problema de saúde pública e calidade ambiental do río.
Casos similares teñen recentemente acontecido con instalacións hidroeléctricas como o encoro de Barbelido (Ávila), propiedade de Fenosa. A confederación do Douro vén de declarar a súa caducidade por «estar xerando un importante impacto no río». A extinción do dereito de aproveitamento implica a paralización da actividade e a reversión gratuitamente e libre de cargas das obras e das instalacións da central.
ADEGA esixe da Xunta unha sensibilidade similar para o Umia, habida conta de que o encoro d’A Baxe está a causar ademais un risco sanitario grave á poboación, alén de supoñer o principal factor de degradación do Umia. Calquera outra «solución» non rematará co problema crónico que sofre o río e só suporía investir máis cartos públicos para que a concesionaria siga espremendo o río como até o de agora.

