La Semana Auria del Xacobeo 2010 reunirá en Orense a los grandes autores de la literatura histórica
A SEMANA AURIA DE XACOBEO 2010 REUNIRÁ EN OURENSE AOS GRANDES AUTORES DA LITERATURA HISTÓRICA
Juan Eslava Galán, Luis García Mañá, Manolo Rivas, Carlos Reigosa, Xosé Carlos Caneiro ou César Vidal estarán nesta cita que se celebrará do 10 ao 17 de outubro.
Santiago, 22 de setembro de 2010.- Ourense vivirá do 10 ao 17 de outubro a gran cita monográfica dedicada á literatura histórica.Trátase de Auria, unha semana na que se xuntarán autores, profesionais e lectores dun xénero que se atopa entre os máis seguidos por parte dos seareiros dos libros. Esta iniciativa está dentro da programación de Xacobeo 2010, conta co apoio da Consellería de Cultura e Turismo e a súa celebración enmárcase no Ano do Libro e da Lectura.
Entre os obxectivos principais deste proxecto atópanse divulgar o xénero de literatura histórica e as súas novidades máis importantes para o último trimestre de 2010 e o primeiro semestre de 2011, dar a coñecer ao público aos autores máis prestixiosos e descubrir os novos valores, así como analizar o fenómeno de captación de lectores que xerou o xénero na última década e estableceren debates entre historia e literatura.
Unha gran feira do libro, situada nos Xardíns de Posío da cidade de Ourense, acollerá a librarías que amosarán e porán á venda os seus volumes. Nesta feira tamén terán lugar presentacións, mesas redondas e diversas actividades de divulgación da lectura.
A nómina de escritores contará coa participación de César Vidal, Xosé Carlos Caneiro, Manolo Rivas, Carlos Reigosa, Juan Eslava Galán ou Luis García Mañá, que estarán amosando os seus libros, xunto a outros moitos que conforman un programa ambicioso e completo.
Porén, a Semana de Literatura Histórica abrirase a máis sedes na cidade. Así, no Centro Cultural da Deputación de Ourense terán lugar diversas actuación musicais e recitais enmarcados no ciclo Auria Cultural. Auria tamén abrirá os seus ollos ao cine, xa que un ciclo de películas sobre personaxes históricos permitirá achegarse a figuras como Genghis Khan ou El Bosco. Os filmes proxectaranse en versión orixinal subtitulada.
A divulgación da historia con claves literarias e fantásticas non é unha técnica presente nin un fenómeno novidoso, xa que a proliferación de coleccións, títulos, autores e incluso editoriais especializadas o converten nun signo do noso tempo. Xa que logo, Auria quere fomentar a lectura e o coñecemento deste xénero.