
CARMEN PARDO APOSTA POR “TENDER PONTES ENTRE O MUNDO ACADÉMICO E O LABORAL” NO ACTO DE POSGRADUACIÓN DO MASTER EN DIRECCIÓN E PLANIFICACIÓN DO TURISMO DA CORUÑ secretaria xeral para o Turismo afirmou que este Master é un dos mellores exemplos de adecuación ás necesidades actuais do sector turístico, dada a súa orientación profesional e investigadora.
Nese sentido, mencionou os cursos de formación idiomática dirixidos ao sector así como a formación especializada en promoción exterior enfocada a bolseiros en máis de sete cidades europeas.
A Coruña, 17 de setembro de 2010.- A secretaria xeral para o Turismo, Mª Carmen Pardo López, falou hoxe, no acto de posgraduación da III promoción do Master en Dirección e Planificación do Turismo, da Universidade da Coruña, da importancia da formación dentro do sector, polo que apostou por “tender pontes entre o mundo académico e laboral”.
A secretaria xeral afirmou que, para gañar en competitividade turística, “o capital humano é unha das bases sobre as que se debe sustentar o turismo, un sector que supón unha fonte de ingresos moi importante para a nosa comunidade”. Neste sentido, Mª Carmen Pardo aseverou que, “para seguir proxectando unha imaxe de oferta turística diferenciada e adaptada ás necesidades do novo usuario turístico, cada vez máis esixente e informado”, é necesario fortalecer tanto a orientación profesional como a investigadora, dous factores que posúe o Master en Dirección e Planfiicación do Turismo da Coruña.
A responsable de Turismo aludiu a algunhas das ferramentas que dende o seu departamento se puxeron en práctica para fortalecer a formación, como os cursos de idiomas estranxeiros dirixidos ao sector e as prácticas de especialización de expertos turísticos no exterior, que por primeira vez contaron cun período previo formativo en Galicia. En concreto, o obxectivo deses bolseiros é o de que se formen en promoción exterior e establezan unha base de apoio á captación da demanda turística en Galicia. As cidades onde desenvolven o seu traballo son Londres, Roma, París, Franckfort, Zurich, Nova York e Lisboa.
O Máster de Dirección e Planificación do Turismo de Galicia, que se imparte na Universidade da Coruña, conta coa especialización en Xestión de destinos e Novos Produtos Turísticos. A este respecto, Pardo López aludiu ás políticas de acción nesas dúas materias, así como en ordenación, desenvolvemento sectorial e marketing, pola que se está a rexir a política turística actual, tendo como base o Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013.
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO