INOPERANCIA DE XESTIÓN. FRACASO NAS URXENCIAS HOSPITALARIAS-
Despois de 3 meses da reunión monográfica da Dirección de Xestión coas OOSS sobre o tema das URXENCIAS HOSPITALARIAS, aínda a Xerencia non ten resolto o problema.
Dende CIG-SAÚDE queremos deixar claro, que en materia de Recursos Humanos e mesmo materiais, non se fixo nada de nada, por paliar a situación que se vive todos os días no servizo por parte dos usuarios e dos profesionais. Estaba visto que o problema non era un cambio de cromos dos responsables dos servizos e poñer outros novos, senón que pasa por un cambio na política sanitaria.
Contínuase a poñer parches nas contratacións do persoal, tanto no propio servizo de urxencias como no ámbito de atención primaria ( retrasos nas citacións para acudir ao médico de cabeceira… )
Non é solución abrir as unidades pechadas, só cando o tema está candente nos medios de comunicación e despois volver as mesmas situacións.
As vagas de gripe son cíclicas, cada ano volven e volverán nun futuro. As imaxes de enfermos amoreados nos corredores e en espera dunha cama nos diferentes servizos de hospitalización, volverán tamén, a desesperación do persoal volverá e a pasividade desta Administración e Xerencia persistirá no tempo.
Santiago de Compostela a 9 Febreiro do 2018