«Incendios más rápidos, más altos y más fuertes con la nueva ley de Montes de Feijóo»

DENUNCIA ADEGA

Lumes máis rápidos, máis altos e máis   fortes coa nova lei de Montes de Feijóo

13 de agosto de 2012.    A recente Lei      de Montes de Galiza aprobada en solitario polo PP sen consenso    e contra o criterio do Consello Económico e Social, pon as bases    para que os incendios sexan máis frecuentes, extensos, intensos e    perigosos en Galiza.

Ao modificar pola   porta de atrás a lei de prevención contra os lumes de 2007,    facilitar a extensión      das pirófitas, introducir a especulación no monte e reducir ao    mínimo o papel da administración, a Feijóo xa só lle quedan as    medidas punitivas e penais e… confiar na meteoroloxía e na    providencia. O desleixo e o pasotismo olímpico da Xunta co noso    medio rural conseguirán lumes de récord: máis rápidos, altos e    fortes. Porque os montes tamén arden cando as institucións os    abandonan, a Alianza  por un Mundo Rural Galego Vivo convoca unha concentración      este mércores 15 de agosto ás 12h diante da casa Grande    de Viloria, no Barco de Valdeorras.

A Lei de Montes aprobada polo PP, ten como un      dos seus principais obxectivos modificar pola porta de atrás a lei      3/2007 Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais,      deixándoa practicamente baleira de contido. Con nada menos que 43      importantes modificacións  e sen  base técnica que o xustifique      (como indica o informe do Consello Económico e Social) Feijóo      diminuiu as distancias de salvagarda da vexetación ás vivendas (de      50 a 30 metros); reduciu os anos nos que se limita o      aproveitamento dos terreos queimados (de 3 a 2 anos); eliminou o      mosaico de parcelas e a prohibición de establecer masas      monoespecíficas de máis de 25 hectáreas continuas; abreu a      posibilidade de forestar terras agrarias e desviou cara os      concellos parte das responsabilidades de control. Estes cambios      normativos, xunto coas accións conxunturais como os recortes en      persoal de extinción e a ausencia de orzamentos para prevención,      deixa aos montes galegos e á poboación veciña nunha situación de      risco, da que sen dúbida poderían derivaranse lamentábeis      consecuencias, como acabou de acontecer no Barco de Valdeorras.

 

E por se isto  fora pouco, esta lei      pretende desmontar a protección do monte veciñal e introducir      ferramentas especulativas ao servizo da gran industria forestal e      enerxética, rebaixando de paso a capacidade de intervención da      Administración para entregar aos mercados a xestión dos nosos      montes. tampouco é unha lei de carácter integral, tal como      predica, ao esquecer as conexións con aspectos agrarios, sociais e      ambientais. Óbvianse tamén aspectos novidosos para xestión do      monte como a participación pública efectiva (que é algo máis que o      trámite de consulta), a custodia do territorio e a      multifuncionalidade do monte.

Tampouco aparecen temas fundamentais      que deberían incorporarse na xestión do monte como os valores      culturais, etnográficos, paisaxísticos, a restauración de terreos      queimados, os vieiros ecolóxicos, a conservación dos hábitats e      especies ameazadas ou a prevención de pragas e doenzas que están a      proliferar nos nosos montes (gorgullo do eucalipto, nematodo do      piñeiro, a pulga do carballo).

Dende ADEGA e a Alianza por un Mundo      Rural Galego Vivo (integrada tamén pola CIG, a FRUGA e a ORGACCMM)      apostamos por un monte con futuro que pasa por unha xestión      sustentábel, integral, activa e participativa. A pesar da visión      interesadamente miope e anticuada da Lei de Montes do PP,      exemplificada nas verbas do ex-conselleiro Juárez «o rural        galego está condenado a desaparecer», dende a Alianza      insistimos en que os nosos montes teñen futuro, e que os lumes      poden combaterse con algo máis que represión policial se se aposta      pola prevención e por poñer en valor con intelixencia todas as      potencialidades da nosa terra.

 

Un comentario sobre “«Incendios más rápidos, más altos y más fuertes con la nueva ley de Montes de Feijóo»

¿Y tú qué opinas de esto?