CAMINO PRIMITIVO
A CONSELLERÍA DE CULTURA E EDUCACIÓN INCOA O EXPEDIENTE DE DELIMITACIÓN DO CAMIÑO DE SANTIAGO PRIMITIVO OU DE OVEDO
- O DOG anuncia hoxe a apertura do período de información pública do procedemento de delimitación do Camiño Primitivo e do seu ámbito de protección
- Ábrese un trámite de información pública de dous meses durante o cal os interesados poderán consultar o expediente e presentar alegacións
- O trazado respecta o camiño tradicional, agás naqueles tramos irrecuperables
Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2012.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a incoación do expediente para a delimitación do Camiño de Santiago Primitivo ou de Ovedo ao seu paso por Galicia. O obxectivo desta medida é garantir a mellor protección dos lugares, edificios e paraxes polos que discorre este ruta xacobea.
O Camiño Primitivo, que é unha das dúas variantes do Camiño Norte, constitúe un dos roteiros históricos de maior simbolismo do norte peninsular. Ao seu paso por Galicia, discorre polos termos municipais de A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo, Guntín, Friol, Palas de Rei, Toques e Melide, onde entronca coa ruta principal do Camiño de Santiago, o Camiño Francés.
A delimitación do Camiño Primitivo comezara no ano 1997, e permanecía sen resolver. A Consellería de Cultura e Educación dá agora resposta á demanda de valorización e recuperación, co dobre obxectivo de fixar un trazado continuo principal que se corresponda co transmitido pola tradición ata os nosos días, e de delimitar un ámbito de protección que garanta a integridade e autenticidade desta ruta xacobea.
A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, ademais da incoación do expediente de delimitación do Camiño Primitivo, xa aprobou en decembro de 2011 o trazado definitivo do Camiño Francés. Agora, os servizos técnicos da Consellería de Cultura e Educación están traballando na delimitación do Camiño Inglés e do Camiño Portugués.
Ruta tradicional
O trazado principal discorre na súa práctica totalidade polo camiño tradicional, herdeiro vivo do antigo camiño medieval, agás naqueles puntos nos que está perdido ou é irrecuperable. Para estes casos fixouse un trazado alternativo, acorde cos valores inmateriais asociados ao camiño, tendo en conta aspectos relativos á súa calidade ambiental, condicións construtivas e lóxica territorial en xeral.
Ademais, recóllese tamén un trazado complementario e trazas con vestixios históricos documentados. Trátase de rutas complementarias, que permiten o acceso do peregrino a lugares significativos – servizos e elementos patrimoniais singulares-; e vestixios históricos , treitos perdidos da ruta dos que aínda se conservan trazas.
Para favorecer a conservación deste ben patrimonial, sinalouse unha zona de protección intensiva, na zona dos 30 primeiros metros a partires dos extremos exteriores do camiño; e unha protección de conxunto, na que calquera intervención deberá ser autorizada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que contempla o territorio histórico vencellado ao camiño. Ademais, a Dirección Xeral deberá ser informada de todos os plans, programas e proxectos que alteren a paisaxe que quede dentro da conca visual do Camiño e poidan afectar aos seus valores, a fin de propoñer as medidas protectoras e correctoras que se consideren necesarias para a protección do patrimonio cultural.
Metodoloxía
Para a realización da delimitación do trazado e do ámbito de protección, os técnicos da Dirección Xeral tomaron como base a delimitación realizada nos anos noventa, contrastándoa cos estudos históricos e coa información cartográfica e fotográfica dispoñible, tanto histórica como actual. Así mesmo, realizouse unha completa prospección sobre o terreo e recolleuse información entre os veciños.
Unha vez elaborado o trazado, foi exposto e contrastado con representantes de todos os concellos afectados, da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo e da Asociación de Amigos do Camiño Primitivo de Santiago. Así mesmo, someteuse o traballo ao informe do Comité Asesor so Camiño de Santiago, atendendo as suxestións e pareceres das devanditas partes para incorporalas ao expediente.
Tras estes trámites, e incoado o expediente, ábrese a partires de mañá un trámite de información pública de dous meses, durante o cal os interesados poderán consultar o expediente (informe-proposta detallado, mapas, planos e un anexo fotográfico) na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (Edificio Administrativo San Caetano, en Santiago de Compostela), na Xefatura Territorial da Consellería en Lugo e nas oficinas municipais de cada un dos concellos polos que transcorre o Camiño Primitivo ao seu paso por Galicia.