Trátase dunha iniciativa do grupo de traballo de Sostibilidade da Actividade Extractiva da Plataforma Tecnolóxica TECNOPEIXE
A FEDERACIÓN GALEGA DE CONFRARÍAS PON EN MARCHA UN PROXECTO PARA MELLORAR A XESTIÓN DA PESCA DE BAIXURA
La Federación Gallega de Cofradías pone en marcha un proyecto para mejorar la gestión de la pesca de bajura
- A Consellería do Mar colabora na iniciativa, na que tamén traballan o Centro Tecnolóxico do Mar, o Instituto Español de Oceanografía, o Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) e grupos de investigación das tres universidades galegas.
Vigo, 18 de outubro 2010.- Identificar e aplicar melloras na xestión da pesca de baixura que garantan a sustentabilidade desta actividade a longo prazo é o obxectivo do proxecto que a Federación Galega de Confrarías está a por en marcha no seo do grupo de traballo de Sostibilidade da Actividade Extractiva da Plataforma Tecnolóxica TECNOPEIXE, do que é entidade dinamizadora.
A Consellería do Mar colabora nesta iniciativa, na que toman parte ademais o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, o Instituto Español de Oceanografía, o Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC e grupos de investigación das tres universidades galegas.
O proxecto, que pretende ser unha proposta integradora de capacidades de I+D+I e do sector da baixura en Galicia, será presentado nas próximas semanas a todos os integrantes do devandito grupo de traballo co fin de obter o seu apoio.
A ideal inicial é procurar unha análise da situación dos recursos e do medio para poder identificar as unidades de xestión e, paralelamente, abordar o ámbito socioeconómico e identificar as actuacións que posibiliten unha maior eficacia nas estratexias de comercialización ou na xestión económica, entre outros aspectos.
A Consellería do Mar, que xa ten participado en diferentes reunións promovidas pola Federación Galega de Confrarías, xa mostrou a súa disposición a colaborar no proxecto aportando a información necesaria para o desenvolvemento dos traballos e, se é o caso, o apoio dos técnicos do departamento autonómico. Pola súa banda, a Fundación CETMAR, que é parte activa no grupo de traballo como secretaría técnica de TECNOPEIXE, posibilitou a cooperación dos expertos que están a traballar no deseño desta iniciativa e está a identificar a estratexia para conseguir o financiamento necesario para a súa execución.