A CIG-Servizos de Vigo pídelle ao concello vigués que siga os pasos da Universidade de León, que asumiu temporalmente o servizo da concesión de limpeza tras retirárllelo a Linorsa, cubrindo os impagamentos que afectan o persoal. Neste sentido, indican que a solución ao conflito que se vive tralos continuos incumprimentos depende dunha decisión política, e que a situación das traballadoras é límite.
Desde a Federación, lembran que se continúan adebedando 15 días de salario correspondentes a decembro, ademais dos salarios íntegros de febreiro e marzo, atrasos de convenio e liquidacións a todo o persoal, exceptuando as traballadoras de dependencias e colexios ás que só lles resta un mes da paga de marzo.
Esta situación levou á convocatoria de mobilizacións alternas diante do edificio consistorial e a sede de Linorsa en Vigo desde hai un mes.